21 de xuño de 2022

Un curso de lectura


O curso 2021 – 2022 está a piques de rematar e dende #BiblioGalán queremos agradecer a toda a nosa comunidade educativa a súa participación tan activa en todo o proposto e desenvolto nela. 

Este ano escolar foi un ano no que, grazas a relaxación nas medidas contra a crise sanitaria provocada pola COVID – 21, a biblioteca volveu ter a actividade que se merece e, converteuse nun espazo seguro, aberto, accesible e respectuoso a todas as diferenzas. Cada titoría do centro tiveron horas dispoñibles para vir, aumentamos o catálogo de libros, axustándoo ás necesidades, gustos e preferencias da nosa comunidade educativa, sen esquecernos da nosa lingua galega. Tamén temos moitos libros de investigación para non deixar nunca de aprender e unha importante dotación de xogos de taboleiros para ampliar todo isto e desenvolver actitudes colaborativas entre todas e todos. Creamos o noso primeiro club de lectura, esta vez para mestras e mestres, pero que, para o próximo curso, ten algunha sorpresa reservada. Estade atentas e atentos. Tamén invitamos a toda a nosa comunidade educativa a participar en lecturas a través de contos na lareira. Comezamos co proxecto das mochilas viaxeiras na etapa de Educación Infantil e primeiro nivel de Educación Primaria e, que irá en aumento, para o vindeiro curso. Retomamos o voluntariado con moito éxito. A verdade é que non sabemos que faríamos neste equipo sen todas as nosas voluntarias e sen todos os nosos voluntarios. Un milleiro de grazas. 


A #BiblioGalán agora é máis tecnolóxica. Temos á nosa disposición tabletas para investigar, documentar, crear, etc. Tamén unha enorme pantalla de cinema cuns potentes altofalantes para ver todo o que precisemos, computador para consultas e unha impresora 3D coa que deseñar e imprimir as nosas propias pezas.


E o curso que ven? Moitas sorpresas e novidades máis, xa que a nosa biblioteca, será un espazo onde a información e a creación irán da man. Temos moitas cousiñas organizadas e pensadas, pero agora é o momento de descansar, retomar forzas e gozar cas nosas familias e amizades do bo tempo e como non, dunhas boas lecturas. Atentas e atentos ás nosas recomendacións lectoras.

Moitas gracias a todas e todos pola vosa participación e implicación na nosa #BiblioGalán. Para todo este equipo foi un auténtico pracer.