Amosando publicacións coa etiqueta contosnalareira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contosnalareira. Amosar todas as publicacións

14 de nov. de 2024

Volven os Contos na lareira: Anímate a participar!


Na nosa biblioteca gústannos as historias, as que nacen dos libros… e tamén as que viven nas persoas que nos rodean. Por iso, estamos encantadas e encantados de seguir co noso proxecto Contos na lareira, unha iniciativa que enche de vida, emoción e aprendizaxe a nosa biblioteca escolar.

Convidamos a toda a comunidade educativa a participar: familias, avoas e avós, nais e pais, irmáns, tías e tíos, primas e primos… así como o persoal docente e non docente do centro. Todos e todas sodes benvidos para compartir un conto, unha experiencia, un xogo ou unha historia especial ao carón da nosa lareira simbólica.

Porque cada voz conta, e cada historia vivida ou imaxinada é unha oportunidade para achegarnos, coñecernos mellor e seguir aprendendo xuntos.

🔗 Se queres participar, só tes que cubrir este formulario:

Anímate! Esperámoste na Bibliogalán para seguir contando e escoitando xuntos arredor do lume dos contos.

26 de out. de 2023

A nosa lareira contacontos xa prende

A lareira da BIBLIOGALÁN xa prendeu para todo este curso 2023 - 2024 así que se pertences á nosa comunidade educativa (nai, avoa, pai, avó, irmáns, curmáns, mestras, mestres, etc.) estás convidada e convidado a vir ata a nosa lareira contar un conto para pasar un tempo agradable entre todas e todos nós.

Para vir tan só tes que facer unha solicitude no seguinte formulario en rede e dende o equipo da biblioteca poñerémonos en contacto contigo para buscar día, hora, etc.

Preme aquí para inscribirte.

É moi importante que leas antes as nosas bases do proxecto para un bo desempeño da actividade. Moitas grazas!

24 de maio de 2023

Visitounos Xela, unha auténtica superheroína de aldea

O alumnado de Educación Infantil recibiu a visita de Xela, unha superheroína de aldea que nos falou de todas as súas aventuras na natureza e como non, do importante que é o coidado de todo o seu medio e o coñecemento de toda a súa diversidade. Diversidade que, enmarcamos no noso Proxecto Anual de Centro e que sempre vemos como unha posibilidade e oportunidade de aprendizaxe.

A través de Xela, Inma Soto, a súa autora, presenta unha historia chea de valentía, de valores, de empoderamento femenino e de posta en valor do rural a través do coñecemento do entorno.

Moitas grazas pola visita!



17 de maio de 2023

A lareira non se apaga


Continuamos recibindo familias que queren compartir lecturas e emocións ao carón da nosa lareira. Como foi o caso de Adriana, a nai de Dalán de quinto de Educación Infantil, a nai de Lucía, a nosa mestra de Educación Infantil e por supusto, o noso alumnado voluntariado, que sempre e cada día, visita nas horas de ler, as aulas de compañeiras e compañeiros doutros niveis para contarlles un conto.

21 de dec. de 2022

Continuamos cos contos ao carón da lareira

A lareira da BiblioGalán continua prendida e con moita vida grazas as novas lecturas que nos acompañaron nela. 

Unha visita foi a da nai da mestra de quinto de Educación Infantil, que contou o conto de Voy a comedte de Jean - Marc Derouen. 

Tamén recibimos a visita dun pai de primeiro de Educación Primaria, na que todas e todos os nenos deste nivel gozaron dunha marabillosa lectora, moi animada e divertida. 

Por último, e dentro dos apadriñamentos lectores, Yago e Inés, de sexto de Educación Primaria, visitaron ao alumnado de sexto de Educación Infantil para contar El gran concurso de monstruos de William Bee. 

Estamos encantadas e encantados con todas estas aventuras lecturas! Grazas!

23 de nov. de 2022

Novos contos ao carón da nosa lareira

Esta semana tivemos novas visitas na lareira da nosa BiblioGalán. Unha nai de quinto de Educación Infantil contounos o conto de Juntos de Eloy Moreno. Unha historia sorprendente e chea dun desenvolvemento de emocións, perfecta para reflexionar e participar activamente na lectura.

Moitas grazas por esta visita e por compartir con nós esta historia tan especial!



11 de nov. de 2022

Prendemos a nosa lareira neste curso

A nosa lareira xa está prendida e ben quente para comezar a gozar dos contos e historias que a nosa comunidade educativa queira contarnos. A encargada de prender a lareira para este curso foi unha nai de quinto de Educación Infantil. Moitísimas grazas pola visita. Pasámolo moi ben.

Se ti tamén queres vir contarnos unha historia ou conto á nosa BiblioGalán, tan só tes que cubrir o seguinte formulario en rede e poñerémosnos en contacto contigo. Esperámoste!

Queres participar en Contos na lareira? Preme aquí.




27 de out. de 2022

BiblioGalán abre as súas portas no Día das Bibliotecas


Co gallo da celebración do Día das Bibliotecas, a nosa BiblioGalán, despois dunha formación de persoas usuarias, por fin pon en marcha toda a súa actividade programada para este curso 2022 - 2023. Toda esta programación esta recollida no Plan Anual de Lectura e que podedes consultar premendo aquí.

Así que, este 24 de outubro todas as nenas e nenos da escola tiveron ocasión de visitar o noso espazo posto que como principal novidade, este curso recuperamos os recreos na biblio, un proxecto que ten como obxectivo, proporcionar espazos activos de lectura e de recursos de creación de contido, especialmente co ollo posto nas competencias STEAM. Para iso, cada día, en cada recreo, contaremos con distintos recantos e obradoiros temáticos que estamos seguras e seguros, farán gozar a todas e todos nós. Esta semana, o centro de actividade proposto foron distintas tarefas relacionadas co mundo de Samaín. 








Para o bo desenvolvemento e funcionamento deste proxecto, contamos ca figura do alumnado voluntario, nenas e nenos de quinto e sexto de Educación Primaria que levan a cabo tarefas de control, dinamización, orde, etc. da nosa biblioteca. Unha axuda extraordinaria.

Pero a biblioteca non só está aberta durante os recreos, tamén recuperamos a súa actividade de tarde que próximamente virá acompañada dun novo proxecto para a nosa escola como é o préstamo en familia.

Durante a xornada lectiva, todas as titorías teñen un horario reservado para poder asistir e desenvolver na biblioteca todas as actividades que se propoñan ademáis, de levar a cabo o préstamo de fondos do noso catalogo. 

E falando de préstamos, as Mochilas Viaxeiras comezan a viaxar esta semana a todas as casas das nenas e dos nenos de Educación Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria. Esperamos que gocedes moito delas en familia. 

BiblioGalán tamén está aberta para toda a nosa comunidade educativa, polo que, dentro do proxecto de Contos na lareira, todas as familias, etc. poderedes vir a contarnos as historias que desexedes. Estamos desexando escoitarvos.

E para rematar, este ano estreamos os Clubes de lectura para alumnado. Nesta ocasión, nenas e nenos de sexto de Educación Primaria conforman dous clubes nos que compartiran as súas vivencias durante a lectura de ditos libros. Seguiremos todas as súas actividades neste blog. Pero non só as rapazas e rapaces de sexto teñen clubes de lectura, as mestras e mestres tamén continuamos co noso propio club, que xa está en marcha e do que tamén, moi pronto contaremos cousiñas.

Quedan moitas cousas das que falar que temos organizadas para este curso, pero cada cousiña no seu tempo. Agora, a gozar da nosa BiblioGalán, xa que estamos encantadas e encantados de volver a recibirvos a todas e todos nela!

4 de feb. de 2022

Queres vir contar un conto a #BiblioGalán? Convidámosche!

Na #BiblioGalán comezamos un proxecto co cal queremos que as familias, profesorado así como o resto de comunidade educativa sexan as verdadeiras e os verdadeiros protagonistas. 

En Galicia temos unha enorme tradición de contos narrados ao carón da lareira nas frías noites de inverno. Pois ese espírito é o que queremos manter na nosa biblioteca e para iso, dende este curso, presentamos o proxecto Contos na lareira, co cal invitamos a calquera persoa da nosam comunidade educativa a vir a ter a palabra na nosa lareira da escola, a biblioteca escolar.

Para poder participar no proxecto, tan só hai que cubrir o seguinte formulario. Este equipo poñeráse en contacto con vós para buscar un día, hora, etc. É importante que leades con moita atención as bases do proxecto, especialmente nestes momentos nos que seguimos pendentes da evolución da crise sanitaria provocada pola Covid - 19. 

Estaremos encantadas e encantados de recibirvos na nosa lareira e de escoitar os contos que tedes preparados para todas e todos nós. Agardámosvos!

Ligazóns de interese:

- Ligazón das bases do proxecto Contos na lareira.

- Formulario de inscripción de Contos na lareira.


Equipo da Biblioteca Escolar do CEIP de Galán.