Amosando publicacións coa etiqueta voluntariado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta voluntariado. Amosar todas as publicacións

17 de set. de 2026

Voluntariado de biblioteca 2026/27

 


Queres formar parte do alumnado voluntario da bibliogalán? Precisamos axuda para diferentes tarefas. 

Se estás en 5º ou 6º de Educación Primaria e queres traballar con nós, apúntate AQUÍ. 

27 de abr. de 2026

Actividade de formación de persoas usuarias co programa Observa_Acción


Este curso o CEIP de Galán forma parte do programa Observa_acción poñendo en práctica un modelo de formación baseado na observación. 

Hoxe, acompañáronnos varios compañeiros e compañeiras do CEE Santa María de Lugo e do CEIP de Piñeiros de Narón. Estivemos contándolles como funciona a bibliogalán e aproveitamos para facer unha actividade de ALFIN/AMI con alumnado de primeiro ciclo de Educación Primaria. 

Na actividade, os nenos e nenas foron escritores e ilustradores por un día e elaboraron as etiquetas dos seus libros. Agora coñecen a información que conteñen estas etiquetas, que usarán cando necesiten buscar libros na biblioteca.

Unha vez, as nosas marabillosas voluntarias axudáronnos a que a actividade saíse fenomenal. 



13 de mar. de 2026

Conmemoramos o 8M

 

Na bibliogalán conmemoramos o 8M facendo o que máis nos gusta: ler. Algúns alumnos e alumnas de 5º e 6º de educación primaria ofrecéronse para ir a ler contos sobre o empoderamento feminino aos cativos e cativas de infantil e primeiro ciclo de primaria. Volveron encantados e encantadas coa experiencia. Estes foron algúns dos títulos que leron. 






Ademais, fixemos exposición de fondos biográficos na biblioteca e tamén nos corredores. 

Premendo aquí podedes ver tamén un carrusel de recomendacións do noso catálogo que preparamos en KOHA.



28 de nov. de 2025

Experimentos no mes da ciencia e recomendacións lectoras


 Este mes de novembro celebramos o Mes da Ciencia en Galego. Nos corredores tivemos una exposición de libros sobre ciencia escritos en galego. Además tamén temos una serie de recomendacións en Koha, que podes ver premendo aquí. 


Toda esta semana as nosas voluntarias estiveron probando diferentes experimentos na biblioteca durante os recreos cos alumnos e alumnos que as quixeron acompañar. Temos moita sorte de contar con tan boa axuda!


28 de out. de 2025

Formación do voluntariado

O venres, coincidindo co Día das Bibliotecas, abrimos as portas da bibliogalán para este curso. Porén, as nosas voluntarias e voluntarios xa levaban días colaborando nas tarefas da biblioteca. Fixemos con elas e eles unha pequena formación para guialos nas súas labores da biblioteca onde virán traballar... pero tamén a pasalo ben. 

Celebramos o samaín na bibliogalán


Onte na bibliogalán tivemos unha visita moi especial. Viñeron pasar un cachiño connosco as amigas e os amigos das escolas de Barrionovo e Vilarrodís-Oseiro para celebrar o samaín. 

Alumnado voluntario de 6º de Educación Primaria preparou e supervisou varias actividades para a rapazada das escolas e tamén do noso cole, tales como decoración de cabazas, bingo cun loto sensorial, elaboración de pulseiras, creación dun mostro a partir de follas do outono ou pintacaras. Tamén fixemos unha lectura dramatizada do conto Algo pasa na casa do lobo, de Susanna Isern e Ayesha L. Rubio. 

Pasámolo moi ben. Esperamos vervos pronto!





3 de out. de 2025

Queres formar parte do voluntariado da bibliogalán? Esperámoste!

Queres formar parte do equipo de Bibliogalán este curso? Precisamos axuda para facer diferentes tarefas durante os recreos. Se es de 5º ou 6º de Educación Primaria e queres traballar con nós, apúntate!

Inscríbete premendo AQUÍ

11 de mar. de 2025

8M: Ler para cambiar a historia

Este 8 de marzo, a bibliogalán encheuse de historias e imaxinación para celebrar o Día da Muller. O alumnado voluntario organizou un contacontos para Educación Infantil, lendo Caperucita Roja de Roald Dahl, unha versión que rompe cos estereotipos tradicionais e presenta unha protagonista forte e decidida. A lectura estivo chea de emoción e risas, facendo que as máis pequenas e os máis pequenos desfrutaran dunha historia diferente.

Despois, as nenas e nenos participaron nun obradoiro de papiroflexia, no que crearon marionetas tipo comecocos coas caras das e dos personaxes do conto. Esta actividade permitiulles recrear a historia ao seu xeito, fomentando a súa creatividade e motricidade fina.

Para completar a conmemoración, preparamos unha exposición de libros sobre igualdade, mulleres inspiradoras e feminismo, dispoñibles para consulta e préstamo. Unha xornada chea de literatura, aprendizaxe e diversión!





28 de feb. de 2025

Unha lectura e un obradoiro de Entroido!

Este Entroido, a bibliogalán encheuse de literatura, creatividade e moita diversión grazas ao alumnado voluntario, que organizou unha sesión especial para as máis pequenas e os máis pequenos da escola.

O alumnado de Educación Infantil participou nunha sesión de lectura na que descubrimos a historia de O poeta Manuel María foxe de Barriga Verde, unha publicación da Casa-Museo Manuel María que nos achega á tradición do teatro popular e á figura deste gran escritor.

Despois da lectura, puxémonos mans á obra cun obradoiro no que cada nena e neno creou a súa propia coroa con forma de cornos de diaño, como o personaxe principal do conto. Pintaron, recortaron e decoraron as súas coroas antes de colocalas e converterse en pequenas e pequenos protagonistas da historia.

Foi unha mañá chea de imaxinación e alegría, onde os contos e a creatividade foron os mellores disfraces! Grazas ao alumnado voluntario por facer posible esta actividade tan especial!




17 de feb. de 2025

Pasamos o Día da Nena e a Ciencia na biblioteca

Nesta semana especial, a nosa biblioteca converteuse nun espazo de creatividade, descubrimento e homenaxe ás mulleres da ciencia. Todo o alumnado participou nunha actividade onde se convertiron en inventoras e inventores, imaxinando novos aparellos e solucións para mellorar a nosa vida. Cada nena e neno creou o seu propio invento, describindo para que serviría e debuxándoo nunha ficha. Os traballos están agora expostos na biblioteca para que toda a comunidade educativa poida velos e inspirarse con tantas ideas xeniais!

Pero a ciencia non quedou aí! Durante os recreos da semana, o alumnado do segundo ciclo de Educación Primaria tamén participou nun divertido Quen é quen? baseado nos libros de Pioneiras de Xerais. O alumnado voluntario axudou a organizar este xogo, no que as e os participantes tiñan que adiviñar científicas e inventoras a partir de pistas sobre os seus logros. Unha forma divertida de coñecer mulleres que fixeron historia na ciencia e na nosa terra!

Foi unha semana chea de aprendizaxe, imaxinación e recoñecemento ao papel das mulleres na ciencia e na innovación. Grazas a todos e todas por participar e facer desta conmemoración un momento especial! 






30 de xan. de 2025

Celebramos o Día da Paz

Na bibliogalán conmemoramos o Día da Paz cunha actividade moi especial protagonizada polo alumnado voluntario. Para traballar este valor fundamental, compartimos a lectura do libro Lo que no le gusta a la guerra, de Ximo Abadía, coas nenas e nenos de 1º de Educación Primaria.

A través das ilustracións e da mensaxe do libro, reflexionamos sobre o que significa a paz e o que non lle gusta á guerra. Despois, participamos nunha actividade creativa inspirada na portada do libro: encheron unha xaula con todo o que non lles gusta da violencia, seleccionado aquelas palabras que lles gustaría afastar do mundo.

Para que toda a comunidade educativa poida ver este traballo, a nosa xaula da violencia quedou exposta no recibidor do centro, como un recordatorio de todo o que queremos cambiar para vivir nun mundo mellor.

Ademais, o equipo de biblioteca preparou unha selección de lecturas recomendadas para que en cada titoría se puidese ler un libro sobre a paz, a convivencia e o respecto. Unha maneira perfecta de seguir reflexionando sobre este tema tan importante!

Ler, pensar e construír un mundo mellor é posible. Grazas a todo o alumnado participante por este fermoso traballo!