13 de xan. de 2025

Unha nova lectura no club de profesorado

Co novo ano chega a nova lectura do club de lectura de profesorado que compartimos entre o CEIP de Galán, a EEI de Barrionovo e a EEI de Vilarrodís - Oseiro. Este trimestre mergullarémonos nas páxinas de La casa del padre, da escritora vasca Karmele Jaio.

Esta obra, chea de sensibilidade e reflexión, aborda temas como os roles de xénero, as relacións familiares e as expectativas culturais, a través dunha narrativa que mestura o íntimo e o universal. Trátase dunha lectura que promete xerar debate, ideas e novas perspectivas entre o profesorado participante.

A sesión do club de lectura celebrarase o 24 de febreiro, un momento para compartir impresións, reflexións e, por suposto, gozar da literatura como ferramenta de conexión e aprendizaxe.

Estamos seguras e seguros que esta obra de Karmele Jaio permitirános non só explorar unha historia poderosa, senón tamén reflexionar sobre cuestións que afectan o noso día a día como docentes e persoas.