15 de xan. de 2025

Recreos cheos de maxia na Bibliogalán

Na nosa biblioteca, cada recreo é unha oportunidade para aprender, crear, compartir e soñar. A Bibliogalán permanece aberta todos os días durante os recreos, converténdose nun espazo de referencia no que o alumnado pode gozar de múltiples propostas lúdicas e educativas grazas á colaboración do equipo de voluntariado e á supervisión do equipo de biblioteca.

Neste tempo de lecer, os nenos e nenas do centro poden facer préstamos de libros, desfrutar das últimas novidades ou perderse entre as páxinas do noso catálogo ou ler a prensa do día nos acolledores espazos de lectura. Pero a experiencia vai moito máis alá...

Nos recreos da Bibliogalán tamén se activan os nosos recursos STEAM, entre os que destacan:

  • pensamento computacional, a través de xogos de mesa específicosrobots de Lego e propostas de robótica educativa.

  • realidade aumentada, coa axuda de cubos máxicoscamisetas interactivas ou fichas animadas que permiten aprender xogando.

  • O uso das tabletas, con acceso a aplicacións educativas seleccionadas para traballar aspectos como a atención, a memoria ou a lóxica.

  • Os xogos de mesa e de cartas, como o exitoso Fantasma Blitz, que fan as delicias de pequenos e maiores.

  • O espazo de creatividade e construcións con Kapla, que estimula a imaxinación e o traballo colaborativo.

  • A observación en directo da nosa impresora 3D, que segue sorprendendo cos seus deseños e creacións.

  • O acceso aos recursos de arte e expresión plástica, como rotuladores, lápices ou materiais para debuxar e crear sen límites.

E, por se fose pouco, cada día o noso equipo de voluntariado organiza actividades diferentes que dinamizan a biblioteca e a converten nun espazo vivo e participativo.

O acceso está organizado mediante un sistema de collares de cores, que permite controlar o aforo e garantir que a experiencia na biblioteca sexa segura, tranquila e enriquecedora para todas e todos.

Porque a Bibliogalán é un espazo libre, seguro e inclusivo, onde cada recreo se transforma nun mundo de posibilidades.