1 de out. de 2026

A bibliogalán xa está en marcha!


Hoxe, 1 de outubro abrimos de novo as portas da bibliogalán con moitísimas ganas de compartir lecturas, actividades e novos proxectos con toda a comunidade educativa. 

Durante estes primeiros días estamos a formar ao grupo de alumnos e alumnas voluntarias que son imprescindibles para o funcionamento diario e a dinamización da biblioteca. Están aprendendo como se organizan os fondos, como se realizan os préstamos e devolucións e xa están dando ideas para dinamizar a biblioteca: lecturas compartidas, obradoiros co alumnado de diferentes niveis, recomendacións lectoras, etc.

A bibliogalán xa está en marcha neste curso 2026/27 e... contamos convosco para facela medrar!

29 de set. de 2026

Concurso de microrrelatos de Samaín


Desde a bibliogalán e Polos Creativos organizamos un concurso de microrrelatos de terror para conmemorar o Samaín. Animamos a todo o alumnado a participar escribindo unha historia breve, orixinal e arrepiante que nos sorprenda e asuste a partes iguais.

Os relatos deben ser escritos en galego, non poderán superar as 500 palabras e serán entregados antes do 15 de outubro ás titoras ou enviados ao correo: biblioteca.ceip.galan@edu.xunta.gal 

Todas as persoas participantes recibirán un pequeno agasallo como recoñecemento ao seu esforzo e á súa creatividade. Ademais, algúns relatos seleccionados serán gravados na radio escolar.

Animádevos a participar e preparade os vosos relatos máis terroríficos!

18 de set. de 2026

Inscrición no club de lectura de alumnado

 


Estás en 5º ou 6º de Educación Primaria? Xa está aberta a inscrición para participar nos clubs de lectura da bibliogalán. Unha vez ao mes reunirémonos na biblioteca no recreo para conversar sobre as historias lidas, poñer en común as nosas visións e opinións, botar unhas risas e tomar un petisco.

Se che gusta ler, descubrir novos libros e pasar un bo rato con compañeiras e compañeiros, este é o teu lugar!

Se queres formar parte do noso club de lectura, apúntate cubrindo ESTE FORMULARIO. 

Agardámoste!


17 de set. de 2026

Voluntariado de biblioteca 2026/27

 


Queres formar parte do alumnado voluntario da bibliogalán? Precisamos axuda para diferentes tarefas. 

Se estás en 5º ou 6º de Educación Primaria e queres traballar con nós, apúntate AQUÍ. 

Club de lectura de profesorado

 


Comeza o curso e comezan... os clubs de lectura! 

Temos abertas as inscricións para participar no Club de Lectura para profesorado. Como vimos facendo nos últimos anos, este estará formado por profesores e profesoras do CEIP de Galán, EEI de Barrionovo, EEI de Vilarrodís-Oseiro e o IES Pastoriza, contando coa colaboración da biblioteca municipal de Arteixo.

Cada trimestre leremos un libro, cunha xuntanza final no mediodía dun luns. Faremos lecturas de temática variada, apostando por temas sociais e pola nosa lingua que nos darán pé a unha conversa profunda e agradable. 

Se formas parte do profesorado destes centros e queres formar parte, cubre o formulario premendo AQUÍ.