Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións

15 de maio de 2026

Colección do Día das Letras Galegas


Para conmemorar o Día das Letras Galegas, desde a bibliogalán preparamos unha exposición de libros que homenaxean a figura da autora e activista Begoña Caamaño e tamén doutros autores e autores aos que se lles adicou o Día das Letras Galegas en anos anteriores. Ademais, preparamos unha serie de recomendacións en KOHA, que podedes ver premendo aquí.


13 de mar. de 2026

Conmemoramos o 8M

 

Na bibliogalán conmemoramos o 8M facendo o que máis nos gusta: ler. Algúns alumnos e alumnas de 5º e 6º de educación primaria ofrecéronse para ir a ler contos sobre o empoderamento feminino aos cativos e cativas de infantil e primeiro ciclo de primaria. Volveron encantados e encantadas coa experiencia. Estes foron algúns dos títulos que leron. 






Ademais, fixemos exposición de fondos biográficos na biblioteca e tamén nos corredores. 

Premendo aquí podedes ver tamén un carrusel de recomendacións do noso catálogo que preparamos en KOHA.



27 de nov. de 2025

25N, a bibliogalán contra a violencia machista


O mércores conmemoramos na bibliogalán o 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. 

Todos os alumnos e alumnas da escola puxeron a vacina contra a violencia e prepararon lemas contra a violencia de xénero. 

Ademais, preparamos unha colección de libros tanto nos corredores como en Koha, que podes ver premendo aquí. 


28 de out. de 2025

Celebramos o samaín na bibliogalán


Onte na bibliogalán tivemos unha visita moi especial. Viñeron pasar un cachiño connosco as amigas e os amigos das escolas de Barrionovo e Vilarrodís-Oseiro para celebrar o samaín. 

Alumnado voluntario de 6º de Educación Primaria preparou e supervisou varias actividades para a rapazada das escolas e tamén do noso cole, tales como decoración de cabazas, bingo cun loto sensorial, elaboración de pulseiras, creación dun mostro a partir de follas do outono ou pintacaras. Tamén fixemos unha lectura dramatizada do conto Algo pasa na casa do lobo, de Susanna Isern e Ayesha L. Rubio. 

Pasámolo moi ben. Esperamos vervos pronto!





5 de xuño de 2025

Un día para aprender, compartir e saborear

Esta semana celebramos unha xornada moi especial no noso centro para achegarnos á riqueza da cultura árabe e musulmá. A actividade, organizada coincidindo coa celebración da Festa do Cordeiro, foi conducida polo profesor de árabe e cultura musulmá, que nos guiou nun marabilloso percorrido polo idioma, a música, a vestimenta, a gastronomía e as tradicións desta cultura.

O alumnado de cuarto de primaria participou con moito interese na charla e puido aprender a escribir o seu nome en árabe, ademais de coñecer de primeira man o traxe tradicional, xa que os nenos e nenas que asisten ás clases de árabe presentáronse vestidos co traxe tradicional do seu país.

Como broche final, gozamos dunha festa deliciosa grazas á colaboración das familias, que prepararon con agarimo unha impresionante mostra de doces tradicionais árabes. Non faltou o famoso té de menta, servizo incluído, nun ambiente festivo e de convivencia.

Foi unha experiencia chea de aprendizaxerespecto e celebración da diversidade cultural que fai medrar a nosa comunidade educativa. ¡Shukran!












17 de maio de 2025

Celebramos as Letras Galegas con contos, música e tradición oral

Celebramos na biblioteca do CEIP de Galán unha emotiva e enriquecedora actividade para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025, dedicado a un grupo de mulleres representantes da nosa tradición oral popular, entre elas Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar, voces que mantiveron viva a nosa identidade a través das cantigas, os refráns, os contos e a música.

Contamos coa presenza de Carla, exalumna do centro, que compartiu con nós a lectura do conto Sei cantar e sei bailar, de Eva Mejuto, e aproveitou a ocasión para facer unha marabillosa introdución ao mundo da poesía e tradición oral galega.

Carla explicou detalles sobre o traxe tradicional galego e falounos das mulleres que lle dan sentido á homenaxe deste ano, entre elas algunhas pertencentes ás Cantareiras de Meis, pero tamén doutras zonas, todas elas transmisoras dunha cultura rica, oral e colectiva. Tamén nos ensinou algunha cantiga popular e animou ao alumnado a participar.

Un dos momentos máis especiais foi cando nos mostrou e tocou varios instrumentos tradicionais, moitos deles sinxelos e populares, como as cunchas, as culleres ou a pandeireta, demostrando como elementos cotiáns poden converterse en ferramentas musicais cheas de historia e significado.

Como peche da actividade, as cantareiras do noso centro interpretaron algunhas pezas preparadas coa súa profesora Salomé, enchendo a biblioteca de música e emoción.

Durante estes días, na biblioteca temos dispoñible unha selección de libros sobre as Letras Galegas e a tradición oral, que se poden prestar e consultar:

Ademais, como agasallo para toda a comunidade educativa, elaboramos unhas pandeiretas en 3D, unindo tradición e tecnoloxía, como símbolo desta celebración tan especial.

A actividade foi organizada conxuntamente pola bibligalán e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Grazas a todas e todos por facervos partícipes dunha xornada tan auténtica e chea de raíz.









11 de mar. de 2025

8M: Ler para cambiar a historia

Este 8 de marzo, a bibliogalán encheuse de historias e imaxinación para celebrar o Día da Muller. O alumnado voluntario organizou un contacontos para Educación Infantil, lendo Caperucita Roja de Roald Dahl, unha versión que rompe cos estereotipos tradicionais e presenta unha protagonista forte e decidida. A lectura estivo chea de emoción e risas, facendo que as máis pequenas e os máis pequenos desfrutaran dunha historia diferente.

Despois, as nenas e nenos participaron nun obradoiro de papiroflexia, no que crearon marionetas tipo comecocos coas caras das e dos personaxes do conto. Esta actividade permitiulles recrear a historia ao seu xeito, fomentando a súa creatividade e motricidade fina.

Para completar a conmemoración, preparamos unha exposición de libros sobre igualdade, mulleres inspiradoras e feminismo, dispoñibles para consulta e préstamo. Unha xornada chea de literatura, aprendizaxe e diversión!