Amosando publicacións coa etiqueta celebracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta celebracións. Amosar todas as publicacións

28 de out. de 2025

Celebramos o samaín na bibliogalán


Onte na bibliogalán tivemos unha visita moi especial. Viñeron pasar un cachiño connosco as amigas e os amigos das escolas de Barrionovo e Vilarrodís-Oseiro para celebrar o samaín. 

Alumnado voluntario de 6º de Educación Primaria preparou e supervisou varias actividades para a rapazada das escolas e tamén do noso cole, tales como decoración de cabazas, bingo cun loto sensorial, elaboración de pulseiras, creación dun mostro a partir de follas do outono ou pintacaras. Tamén fixemos unha lectura dramatizada do conto Algo pasa na casa do lobo, de Susanna Isern e Ayesha L. Rubio. 

Pasámolo moi ben. Esperamos vervos pronto!





17 de maio de 2025

Celebramos as Letras Galegas con contos, música e tradición oral

Celebramos na biblioteca do CEIP de Galán unha emotiva e enriquecedora actividade para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025, dedicado a un grupo de mulleres representantes da nosa tradición oral popular, entre elas Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar, voces que mantiveron viva a nosa identidade a través das cantigas, os refráns, os contos e a música.

Contamos coa presenza de Carla, exalumna do centro, que compartiu con nós a lectura do conto Sei cantar e sei bailar, de Eva Mejuto, e aproveitou a ocasión para facer unha marabillosa introdución ao mundo da poesía e tradición oral galega.

Carla explicou detalles sobre o traxe tradicional galego e falounos das mulleres que lle dan sentido á homenaxe deste ano, entre elas algunhas pertencentes ás Cantareiras de Meis, pero tamén doutras zonas, todas elas transmisoras dunha cultura rica, oral e colectiva. Tamén nos ensinou algunha cantiga popular e animou ao alumnado a participar.

Un dos momentos máis especiais foi cando nos mostrou e tocou varios instrumentos tradicionais, moitos deles sinxelos e populares, como as cunchas, as culleres ou a pandeireta, demostrando como elementos cotiáns poden converterse en ferramentas musicais cheas de historia e significado.

Como peche da actividade, as cantareiras do noso centro interpretaron algunhas pezas preparadas coa súa profesora Salomé, enchendo a biblioteca de música e emoción.

Durante estes días, na biblioteca temos dispoñible unha selección de libros sobre as Letras Galegas e a tradición oral, que se poden prestar e consultar:

Ademais, como agasallo para toda a comunidade educativa, elaboramos unhas pandeiretas en 3D, unindo tradición e tecnoloxía, como símbolo desta celebración tan especial.

A actividade foi organizada conxuntamente pola bibligalán e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Grazas a todas e todos por facervos partícipes dunha xornada tan auténtica e chea de raíz.









11 de mar. de 2025

8M: Ler para cambiar a historia

Este 8 de marzo, a bibliogalán encheuse de historias e imaxinación para celebrar o Día da Muller. O alumnado voluntario organizou un contacontos para Educación Infantil, lendo Caperucita Roja de Roald Dahl, unha versión que rompe cos estereotipos tradicionais e presenta unha protagonista forte e decidida. A lectura estivo chea de emoción e risas, facendo que as máis pequenas e os máis pequenos desfrutaran dunha historia diferente.

Despois, as nenas e nenos participaron nun obradoiro de papiroflexia, no que crearon marionetas tipo comecocos coas caras das e dos personaxes do conto. Esta actividade permitiulles recrear a historia ao seu xeito, fomentando a súa creatividade e motricidade fina.

Para completar a conmemoración, preparamos unha exposición de libros sobre igualdade, mulleres inspiradoras e feminismo, dispoñibles para consulta e préstamo. Unha xornada chea de literatura, aprendizaxe e diversión!





26 de feb. de 2025

Conmemoramos o Día de Rosalía na biblioteca

A nosa biblioteca, xunto co EDLG, celebrou esta semana o Día de Rosalía de Castro cunha actividade moi especial coa axuda de alumnado de cuarto e quinto de Educación Primaria. A través da poesía, da música e da lectura, achegámonos á figura e á obra desta autora fundamental da nosa literatura.

O recital de poesía permitiunos escoitar algúns dos seus versos máis coñecidos, mentres que a música de Uxía e o libro-disco Rosalía pequeniña engadiron ritmo e emoción á sesión. Para coñecer mellor a súa vida e a súa importancia, tamén realizamos lecturas da súa biografía cos libros Rosalía de Castro de primeiras letras dos Bolechas e Rosalía de Castro de Cumio.

A actividade estivo dirixida ao alumnado de Educación Infantil, primeiro e segundo ciclo de Educación Primaria, que gozou dun encontro cheo de palabra, voz e emoción arredor de Rosalía.

17 de feb. de 2025

Pasamos o Día da Nena e a Ciencia na biblioteca

Nesta semana especial, a nosa biblioteca converteuse nun espazo de creatividade, descubrimento e homenaxe ás mulleres da ciencia. Todo o alumnado participou nunha actividade onde se convertiron en inventoras e inventores, imaxinando novos aparellos e solucións para mellorar a nosa vida. Cada nena e neno creou o seu propio invento, describindo para que serviría e debuxándoo nunha ficha. Os traballos están agora expostos na biblioteca para que toda a comunidade educativa poida velos e inspirarse con tantas ideas xeniais!

Pero a ciencia non quedou aí! Durante os recreos da semana, o alumnado do segundo ciclo de Educación Primaria tamén participou nun divertido Quen é quen? baseado nos libros de Pioneiras de Xerais. O alumnado voluntario axudou a organizar este xogo, no que as e os participantes tiñan que adiviñar científicas e inventoras a partir de pistas sobre os seus logros. Unha forma divertida de coñecer mulleres que fixeron historia na ciencia e na nosa terra!

Foi unha semana chea de aprendizaxe, imaxinación e recoñecemento ao papel das mulleres na ciencia e na innovación. Grazas a todos e todas por participar e facer desta conmemoración un momento especial! 






18 de dec. de 2024

Recomendacións lectoras para as festas de inverno 2024

As festas de inverno son o momento perfecto para facer unha pausa, coller un bo libro e deixarse levar polas historias. Desde a bibliogalán, propoñémosvos unha selección de lecturas coidadosamente elixidas para que todas e todos podades atopar o libro ideal. Esta guía, composta por títulos en lingua galega que destacan por:

  • Contar con autoras, autores, ilustradoras, ilustradores e editoriais galegas, un compromiso coa nosa cultura e creatividade local.
  • Ofrecer propostas para todas as idades: prelecturas para as máis pequenas e pequenos, primeiras lecturas, lecturas autónomas, expertas, en familia e tamén para persoas adultas.
  • Promover valores como a igualdade, o respecto e a solidariedade a través de obras de compromiso social.

Consulta a guía completa premendo aquí. (en alta calidade)

Invitámosvos a mergullarvos no mundo das historias porque non hai mellor compañeira para estas festas que unha boa lectura. Vémonos no 2025. Saúde!






Elaboramos postais con circuitos en papel

Durante os recreos do mes de decembro, levamos a cabo, coa axuda do noso alumnado de voluntariado, uns obradoiros para o alumnado do segundo ciclo de Educación Primaria, de postais, con temática das festas de inverno, con circuitos en papel. Cun pouco de papel, cobre, baterías e creatividade, fixemos luz.