21 de feb. de 2025

Heartstopper e Wombo Combo, novas protagonistas dos clubs de lectura de alumnado


Os dous Clubs de Lectura de alumnado da bibliogalán reuníronse esta semana nunha sesión especial conxunta para coñecer as próximas lecturas e recoller os libros que protagonizarán os vindeiros encontros.

As lecturas elixidas foron Heartstopper en galego, unha historia que aborda con sensibilidade temas como a amizade, o amor e a identidade, e Wombo Combo de Paula Carballeira, unha obra que combina teatro e videoxogos nunha narración sorprendente e dinámica. Esta última lectura, ademais, encaixa perfectamente coa temática central das bibliotecas escolares este curso, que xira arredor do teatro.

Foi unha gran oportunidade para destacar a importancia de ler en galego e descubrir historias escritas ou traducidas á nosa lingua. A lectura en galego contribúe a fortalecer o noso idioma e a gozar de narracións que nos conectan coa cultura propia e coa diversidade de voces literarias.

Durante a sesión, falamos sobre as novas lecturas, compartimos impresións e reflexionamos sobre como a literatura pode conectar con outras formas de expresión como os videoxogos ou a escena teatral. Agora toca mergullarse nas páxinas e prepararse para os seguintes encontros, onde poderemos comentar e debater sobre estas historias.