Nesta semana especial, a nosa biblioteca converteuse nun espazo de creatividade, descubrimento e homenaxe ás mulleres da ciencia. Todo o alumnado participou nunha actividade onde se convertiron en inventoras e inventores, imaxinando novos aparellos e solucións para mellorar a nosa vida. Cada nena e neno creou o seu propio invento, describindo para que serviría e debuxándoo nunha ficha. Os traballos están agora expostos na biblioteca para que toda a comunidade educativa poida velos e inspirarse con tantas ideas xeniais!
Pero a ciencia non quedou aí! Durante os recreos da semana, o alumnado do segundo ciclo de Educación Primaria tamén participou nun divertido Quen é quen? baseado nos libros de Pioneiras de Xerais. O alumnado voluntario axudou a organizar este xogo, no que as e os participantes tiñan que adiviñar científicas e inventoras a partir de pistas sobre os seus logros. Unha forma divertida de coñecer mulleres que fixeron historia na ciencia e na nosa terra!
Foi unha semana chea de aprendizaxe, imaxinación e recoñecemento ao papel das mulleres na ciencia e na innovación. Grazas a todos e todas por participar e facer desta conmemoración un momento especial!