Este curso tivemos, de novo, a sorte de contar coa colaboración do escritor e investigador Xabier Maceiras para realizar un ciclo de saídas pola contorna de Arteixo, dirixidas a todo o alumnado do centro. Grazas á súa experiencia e coñecemento do patrimonio natural, histórico e cultural do noso concello, puidemos mergullarnos na historia viva dos lugares que nos rodean.
Durante os meses de marzo, abril, maio e xuño, todas as etapas educativas participaron en roteiros deseñados para descubrir espazos emblemáticos como o Pazo de Galán, as torres vixía da costa, a estación de Uxes, os petroglifos de Larín, a fábrica de curtidos, ou os sendeiros de Pastoriza, Larín e Sabón. Tamén exploramos contornas naturais como O Baleeiro en Suevos, e realizamos actividades especiais como o roteiro de lendas, que deixou abraiado ao alumnado de 4º de Primaria.
Estas saídas non foron só unha oportunidade para aprender fóra das aulas, senón tamén para desenvolver un vínculo máis profundo co noso entorno, recoñecer a nosa identidade local e promover o respecto polo patrimonio.
Agradecemos enormemente a Xabier Maceiras a súa disposición, sabedoría e entusiasmo, así como ao profesorado. Grazas a esta iniciativa, a biblioteca do CEIP de Galán fortalece a súa conexión coa comunidade, dando sentido ao labor educativo como experiencia vital e significativa.