Amosando publicacións coa etiqueta espazo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta espazo. Amosar todas as publicacións

11 de xuño de 2025

Estreamos novo espazo na Bibliogalán!

Con motivo do final de curso e grazas á inclusión no programa PLAMBE, na nosa biblioteca estamos de estrea. Renovamos completamente o espazo coa ilusión de seguir medrando como laboratorio creativo de aprendizaxes. E así nace esta nova Bibliogalán: máis acolledora, máis versátil e chea de oportunidades para a lectura, a creación e o encontro.

Este novo espazo é o resultado do traballo durante todo o curso por parte do equipo de biblioteca, que non só coordinou a transformación física do lugar, senón que tamén estreou este ano unha nova organización e xestión dos fondos: reorganización por áreas, sinalización máis clara, mellora da accesibilidade e integración do sistema KOHA.

Seguimos a traballar na catalogación, reetiquetado e actualización dos fondos para facer da biblioteca un espazo funcional e ao servizo de toda a comunidade educativa.

Durante as vacacións axustaremos os últimos detalles para que en setembro estea todo listo, pero xa podemos darvos un adianto do que atoparedes:

📖 Unha zona de lectura e charla, con sofás, luz natural e libros sempre á vista.
🧠 Un espazo maker, co noso mobiliario novo, zona de traballo técnico e a impresora 3D en marcha.
🎲 Un recuncho infantil e de relax, cheo de xogos, lectura compartida e contacontos.
🪑 Unha zona de traballo en mesa, ideal para sesións grupais, obradoiros ou estudo.
✨ Un deseño flexible, vivo e acolledor para toda a comunidade educativa.

A nova biblioteca xa respira vida, curiosidade e creatividade. Un espazo que reflicte todo o que somos e todo o que queremos seguir sendo.

Estades convidados/as a descubrila en setembro… ou xa mesmo nas fotos 📸 que vos deixamos aquí!