No mes de novembro celebramos o mes da ciencia en galego nas bibliotecas e en #BiblioGalán, non quixemos perder a ocasión para promocionar o noso espazo como unha fonte de recursos e oportunidades para a aprendizaxe en todo o relacionado co mundo da ciencia e como non, da lingua galega.
Durante todo este mes de novembro tivemos un expositor con distintos e variados libros de temática científica escritos en galego, co fin de que o resto de comunidade educativa (alumnado, mestras e mestres, ANPA, etc.) puidese coñecer estes recursos, empregalos nas horas de ler, levar a cabo préstamos dos mesmos, etc. É importante destacar que o expositor contiña libros con biografías e historias de distintas científicas galegas, como é o caso de Ángeles Alvariño ou Ángeles Ruiz Robles, da Colección de Mulleres Galegas de Lela Edicións así como libros deseñados para desenvolver no noso alumnado un pensamento sostible, en concreto co mundo da reciclaxe, sen perder así a ollada aos obxectivos establecidos na Axenda 2030. Ademais, aproveitamos dito expositor para mostrar materiais de laboratorio como microoscopios, termómetros, pipetas, etc. tan representativos desa rama do mundo da ciencia.
Novembro tamén foi un mes para levar a cabo na nosa biblioteca experimentos a cargo das mestras de Educación Infantil e Educación Primaria co fin de vivir en primeira persoa estas experiencias e volvendo converter a #BiblioGalán nun centro de aprendizaxe e experimentación.
Por último, creamos unhas Caixas Científicas Galegas, para o alumnado do segundo nivel de Educación Primaria, que ao igual que o expositor central, contiñan fondos documentais en galego de animais, biografías de mulleres relevantes do mundo científico do noso país e tamén libros que desenvolven no noso alumnado un pensamento sostible e unha promoción da saúde. Nestas Caixas Científicas Galegas que tiveron durante todo o mes nas súas aulas, tamén pudieron gozar da tecnoloxía da realidade aumentada, con distintas fichas de Quiver para fedellar con elas. Nas caixas tampouco podían faltar os libros de experimentos, cos cales, as nenas e nenos de segundo de EP puideron experimentar con eles nas súas aulas.
O equipo da BE do CEIP de Galán.