Esta semana tivemos o pracer de recibir no noso centro ao ilustrador, autor e editor Iván R., unha visita que nos encheu de creatividade e aprendizaxes visuais tanto para o club de lectura de alumnado como para o PFPP de profesorado.
Durante a mañá, Iván reuniuse co noso club de lectura de sexto de primaria. Compartiu co alumnado o seu apaixonante traballo como ilustrador, amosando algúns dos seus principais títulos publicados e debullando o proceso creativo que hai detrás das súas obras. Un dos momentos máis especiais foi a presentación do seu xogo de cartas Porquelandia, que serviu de inspiración para que os nenos e nenas creasen as súas propias cartas personalizadas do xogo. Unha actividade que combinou lectura, expresión artística e pensamento crítico.
Xa pola tarde, Iván foi o protagonista dunha xornada formativa dentro do PFPP do profesorado no eido da biblioteca. Presentounos a súa experiencia tanto como autor e ilustrador, como tamén a súa valiosa visión desde o mundo da edición, ofrecendo un enfoque novo e moi útil para comprender o percorrido que seguen os libros e fondos antes de chegar ás estanterías da nosa biblioteca escolar. A sesión incluíu un divertido obradoiro de creatividade e ilustración, que nos permitiu explorar a nosa imaxinación e coñecer ferramentas para aplicar na aula.
Grazas, Iván, por compartir o teu tempo e talento connosco e facer da nosa biblioteca un espazo aínda máis creativo e inspirador. Volta cando queiras!