Na nosa biblioteca gústannos as historias, as que nacen dos libros… e tamén as que viven nas persoas que nos rodean. Por iso, estamos encantadas e encantados de seguir co noso proxecto Contos na lareira, unha iniciativa que enche de vida, emoción e aprendizaxe a nosa biblioteca escolar.
Convidamos a toda a comunidade educativa a participar: familias, avoas e avós, nais e pais, irmáns, tías e tíos, primas e primos… así como o persoal docente e non docente do centro. Todos e todas sodes benvidos para compartir un conto, unha experiencia, un xogo ou unha historia especial ao carón da nosa lareira simbólica.
Porque cada voz conta, e cada historia vivida ou imaxinada é unha oportunidade para achegarnos, coñecernos mellor e seguir aprendendo xuntos.
Anímate! Esperámoste na Bibliogalán para seguir contando e escoitando xuntos arredor do lume dos contos.