Amosando publicacións coa etiqueta proxectos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta proxectos. Amosar todas as publicacións

27 de abr. de 2026

Actividade de formación de persoas usuarias co programa Observa_Acción


Este curso o CEIP de Galán forma parte do programa Observa_acción poñendo en práctica un modelo de formación baseado na observación. 

Hoxe, acompañáronnos varios compañeiros e compañeiras do CEE Santa María de Lugo e do CEIP de Piñeiros de Narón. Estivemos contándolles como funciona a bibliogalán e aproveitamos para facer unha actividade de ALFIN/AMI con alumnado de primeiro ciclo de Educación Primaria. 

Na actividade, os nenos e nenas foron escritores e ilustradores por un día e elaboraron as etiquetas dos seus libros. Agora coñecen a información que conteñen estas etiquetas, que usarán cando necesiten buscar libros na biblioteca.

Unha vez, as nosas marabillosas voluntarias axudáronnos a que a actividade saíse fenomenal. 



17 de xuño de 2025

Xa temos traballos seleccionados no concurso de fotografía e obxectos antigos!

Hai uns meses desde a Bibliogalán propuxémosvos un reto moi especial: descubrir obxectos antigos, coñecer a súa historia e retratalos en familia. O obxectivo era mesturar fotografía, memoria, historia e aprendizaxe... ¡e a participación superou todas as expectativas!

📸 Recibimos moitas fotografías creativas, acompañadas de formularios ben documentados nos que as familias e o alumnado nos explicaron para que servía cada obxecto, como se usaba e quen o utilizaba. Foi unha auténtica viaxe ao pasado a través de teléfonos de disco, cámaras analóxicas, radios, lámpadas e moito máis.

✨ A decisión foi difícil, xa que a calidade das fotografías e dos textos foi altísima. A votación estivo moi axustada, pero finalmente o equipo de biblioteca seleccionou catro participantes, xa que se produciu un empate entre varios traballos destacados:

🏆 Ruth (1ºB)
🏆 Simón (1ºB)
🏆 Erik (1ºA)
🏆 Alice (4ºB)

👏 Parabéns! Todas as fotografías están xa expostas no recibidor do centro e durante o Festival de Fin de Curso, o vindeiro xoves 19 de xuñoentregaranse os diplomas e premios ás persoas gañadoras.

Grazas a todo o alumnado participante e ás súas familias pola ilusión e esforzo. Con esta actividade, aprendemos, compartimos e valorizamos o pasado que constrúe o noso presente.

28 de maio de 2025

Abracadabra: unha aventura de ciencia, maxia e aprendizaxe compartida

Este curso, no marco do proxecto anual de centro sobre a ciencia, as bibliotecas escolares do CEIP de Galán e do CRA de Culleredo puxéronse mans á obra cunha nova gamificación compartida. Tras a exitosa experiencia do curso pasado —premiada no X Concurso de Traballos por Proxectos— os protagonistas desta nova historia volven mesturar aprendizaxe, fantasía e colaboración entre centros.

Todo comezou cunha transmisión moi especial. O Mago Fiz, un preadolescente entusiasta da maxia que emite en directo desde a súa canle de streaming, apareceu acompañado pola súa inseparable pata Néboa para realizar un sorprendente truco de cartas… que acabou saíndo mal. Ao facer desaparecer e reaparecer a súa baralla máxica, faltábanlle 8 cartas!

Buscando unha solución, Fiz recorreu ao libro do seu avó Maxín para intentar atopar un truco que o axudase… e así fixo aparecer a Catarina, o peluche que acompañara a Breogán na súa viaxe por Europa o curso pasado e protagonista da anterior gamificación, recoñecida a nivel autonómico. Foi ela quen lle deu a clave: pedir axuda ao alumnado de do CEIP de Galán e ao do CRA de Culleredo.

E así o fixo: Fiz pediu axuda directamente ás nenas e nenos, confiando en que serían quen de recuperar as cartas desaparecidas a través da observación, o enxeño, a colaboración… e un pouco de ciencia e maxia.

Dentro do paquete que nos chegou había un vídeo, unha carta moi especial e unha baralla incompleta, da que nos faltaban 8 cartas. Tamén nos mandaba unha listaxe de control coas cartas desaparecidas e as pegatinas correspondentes que iriamos engadindo a medida que superabamos os retos.

1. O as de corazóns: respecto e arte
Para recuperar a primeira carta, o alumnado tivo que aprender un truco de maxia con dados e unha caixa —“A xogada perfecta”— e, ao mesmo tempo, reflexionar sobre o respecto polas creacións artísticas dos demais. Cada neno e nena debuxou ao avó Maxín, autor do libro de maxia, sen ter unha imaxe del, dándolle vida desde a imaxinación.

2. O dous de picas: respirar, pensar, actuar
Un truco coas mans e unha chave máxica non acababa de saír. Fiz aprendeu a xestionar emocións grazas aos consellos do alumnado. Xogaron coa app Respira, pensa, actúa e organizaron en pictogramas os pasos dese proceso. Logo, descubriron o segredo: un imán oculto facía desaparecer a chave. Unha lección para manter a calma e buscar solucións.

3. O tres de rombos: pensamento computacional e empatía
Para superar esta misión, o alumnado participou en retos de pensamento computacional, resolvendo algoritmos no teclado do libro de Hello Ruby para descubrir a palabra agochada: empatía. Reflexionaron sobre o seu significado e practicaron un truco con ases, recoñecendo cal era a carta elixida segundo o seu posicionamento. Maxia e valores da man.

4. O catro de tréboles: mulleres que nos inspiran
Nesta ocasión, os protagonistas foron as catro damas, que se perdían nunha festa e regresaban xuntas grazas á maxia. Fiz revelou que representaban ás catro mulleres máis importantes da súa vida, e o alumnado fixo o mesmo: identificaron ás súas referentes femininas e fixeron un agasallo artístico inspirado na artista Judith Scott, decorando cartóns con la de cores. O agasallo entregouse o 8 de marzo, Día da Muller.

5. O cinco de corazóns: ciencia e aniversario
No seu aniversario, Fiz propuxo un experimento científico: a candea de aniversario, onde ao cubrir unha vela cun vaso, a auga sobe misteriosamente. O alumnado elaborou o método científico completo e reflexionou sobre o papel do aire. A sorpresa final chegou da man dunha intelixencia artificial, que lles pediu un conto colaborativo de agasallo para Fiz. Escolleron palabras, a IA creou a historia… e tamén a ilustrou!

6. O seis de picas: coidado dos bechiños
O truco da vacaloura máxica serviulle a Fiz para compartir un erro da súa infancia: capturar insectos sen pensar no seu benestar. Aprendeu a observar e coidar grazas a un hotel para insectos, e o alumnado fixo o mesmo: recibiron un hotel real, colocárono cunha árbore do colexio coa axuda do persoal de Medio Ambiente do Concello de Arteixo, e elaboraron unha infografía dos posibles hóspedes. Unha misión de coidado, natureza e respecto.

7. O sete de rombos: familia e maxia compartida
A pousada máxica onde os números se reorganizan despois dun apagón serviu de contexto para falar sobre a familia. Fiz compartiu que lle encantaba pasar tempo cos seus —lendo, xogando, cociñando— nas noites de treboada. Como reto, cada neno ou nena gravou un vídeo cun familiar facendo un truco de maxia. Unha forma de compartir coñecementos interxeracionais e descubrir que a maxia tamén se garda nas lembranzas e nos afectos.

 8. O oito de tréboles: o gran final
Só quedaba unha carta… e para recuperala, o alumnado tivo que resolver o gran enigma final. O avó Maxín e o Joker, infiltrado na listaxe de control, deixaran as cartas nunha caixa pechada cun cadeado numérico. Superando diferentes probas en equipo e lembrando todo o aprendido, conseguiron finalmente abrir a caixa.

Dentro, xunto á última carta da baralla, atoparon un xogo de maxia, uns patos de goma para recordar sempre a Néboa e a esta aventura, e un diploma que certificaba a súa colaboración na recuperación das cartas.

Epílogo
O proxecto Abracadabra foi moito máis ca unha gamificación: foi un camiño de aprendizaxe vivencial, interdisciplinar e compartido, que mesturou ciencia, emocións, creatividade, pensamento crítico e ética.

As bibliotecas do CEIP de Galán e do CRA de Culleredo volveron demostrar que a lectura, a investigación e a fantasía poden cambiar a escola… e facer que a maxia forme parte das nosas vidas para sempre.

13 de mar. de 2025

Presentamos o noso concurso de fotografía "Obxectos con historia"

A bibliogalán convídavos a participar nun concurso moi especial no que combinaremos fotografía, historia e creatividade. O obxectivo é descubrir obxectos antigos que antes se utilizaban no día a día e que agora quedaron en desuso ou foron substituídos pola tecnoloxía. Unha oportunidade perfecta para que as nenas e nenos coñezan o pasado da man das súas familias!

En que consiste o concurso?

Cada participante deberá:

1.- Buscar un obxecto antigo na casa ou na familia. Pode ser calquera cousa que xa non se use habitualmente, como un teléfono de disco, unha máquina de escribir, un reloxo de peto, unha radio antiga, un sifón, unha lámpada de queroseno…

2.- Facer unha fotografía na que a nena ou neno estea usando ou interactuando co obxecto. Na foto pode aparecer tamén xente da súa familia ou contorna. Queremos ver como se manexaban estes obxectos no pasado!

3.- Cubrir un formulario en AbalarBox (preme aquí para acceder) coas seguintes informacións sobre o obxecto:

  • Nome do obxecto.

  • Para que servía e quen o usaba.

  • Como funciona.

4.- Enviar a fotografía ao correo electrónico da biblioteca: biblioteca.ceip.galan@edu.xunta.gal antes do 11 de abril de 2025.

A quen vai dirixido?

O concurso está aberto a todo o alumnado do colexio, dende Educación Infantil ata Primaria. As familias poden axudar a buscar o obxecto e sacar a foto, pero é imprescindible que na imaxe apareza a nena ou neno soa, só ou acompañada e acompañado interactuando con el.

Que faremos coas fotos?

Todas as fotografías formarán parte dunha exposición no colexio, para que todo o alumnado poida ver os obxectos e as súas historias.
Todas as e os participantes recibirán un diploma.
Haberá premios para as mellores fotografías e descricións.

Data límite para enviar as fotos: 11 de abril de 2025

Imos recuperar obxectos esquecidos e descubrir as súas historias! Animádevos a participar en familia e a compartir con nós un anaco do pasado!

Se tedes dúbidas, podedes preguntar na biblioteca ou escribirnos ao correo. Esperamos as vosas fotos!

As mochilas viaxeiras emprenden unha nova aventura!

Un ano máis, na bibliogalán poñemos en marcha as Mochilas Viaxeiras, unha iniciativa que permite que os libros saian da escola para acompañar ás familias durante unha semana.

Este curso, as mochilas están cargadas de libros de divulgación, cociña, experimentos e ciencia e creatividade en familia, para que grandes e pequenas e pequenos poidan compartir momentos de lectura, aprendizaxe e descubrimentos.

A lectura en familia fortalece lazos, esperta curiosidade e convida a experimentar xuntas e xuntos. Estamos seguras e seguros de que estas mochilas traerán moitas ideas e momentos inesquecibles a cada casa!



20 de xan. de 2025

A historia de Juan e o seu can guía

Na bibliogalán tivemos a sorte de recibir a visita de Juan, o avó dun alumno de 2º de Educación Primaria, acompañado do seu inseparable can guía. Juan, que ten unha dificultade visual, compartiu connosco como é o seu día a día e como o seu can guía o axuda a moverse con independencia.

O alumnado de primeiro ciclo de Educación Priamaria estivo moi interesado en coñecer a súa experiencia e fixéronlle moitas preguntas: como aprende o can guía a axudarlle, que dificultades atopa na rúa ou como usa as mans para ler. Juan respondeu a todas estas cuestións con moita atención, deixando a todas e todos fascinados coa súa historia.

Foi unha visita moi enriquecedora que nos axudou a reflexionar sobre a importancia da inclusión e o valor do respecto e a empatía. Moitas grazas, Juan, por compartir o teu tempo connosco!


9 de xan. de 2025

Breogán foi premiado no X Concurso de Traballo por Proxectos


Estamos moi emocionadas e emocionados de compartir unha nova que enche de orgullo as nosas bibliotecas. O proxecto de A viaxe de Breogán, realizado conxuntamente pola biblioteca do CEIP de Galán e a do CRA de Culleredo, foi galardoado no X Concurso de Traballo por Proxectos na categoría de proxectos de investigación intercentros.

Este recoñecemento, que chega grazas ao esforzo e á implicación de alumnado, profesorado e familias, destaca o valor do traballo en equipo e a capacidade de investigar, aprender e crear xuntos.

Queremos dar as grazas a todas e todos os que fixestes isto posible: pola vosa curiosidade, entusiasmo e ganas de aprender xuntas e xuntos. Este premio é voso tanto como noso.

Se aínda non coñeces o proxecto, bótalle unha ollada no noso blog: Esta foi a viaxe de Breogán.

16 de dec. de 2024

Un apadriñamento lector cos mellores desexos

Co gallo das festas de inverno, levamos a cabo un novo apadriñamento lector, no que o alumnado de segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria, compartiron momentos para lectura e conversas co alumnado de Educación Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria. Ademais, como remate de actividade, falaron sobre os seus desexos para o próximo ano 2025 que deixaron plasmados nunha estrela que forma parte da nosa constelación 2025 que preside o recibidor da escola. 























14 de nov. de 2024

Volven os Contos na lareira: Anímate a participar!


Na nosa biblioteca gústannos as historias, as que nacen dos libros… e tamén as que viven nas persoas que nos rodean. Por iso, estamos encantadas e encantados de seguir co noso proxecto Contos na lareira, unha iniciativa que enche de vida, emoción e aprendizaxe a nosa biblioteca escolar.

Convidamos a toda a comunidade educativa a participar: familias, avoas e avós, nais e pais, irmáns, tías e tíos, primas e primos… así como o persoal docente e non docente do centro. Todos e todas sodes benvidos para compartir un conto, unha experiencia, un xogo ou unha historia especial ao carón da nosa lareira simbólica.

Porque cada voz conta, e cada historia vivida ou imaxinada é unha oportunidade para achegarnos, coñecernos mellor e seguir aprendendo xuntos.

🔗 Se queres participar, só tes que cubrir este formulario:

Anímate! Esperámoste na Bibliogalán para seguir contando e escoitando xuntos arredor do lume dos contos.

4 de xuño de 2024

Coñecemos a nosa contorna da man de Maceiras

Co galo do desenvolvemento do noso Proxecto Anual de Centro e en colaboración coa AMPA, continuamos a afondar na diversidade cultural e neste caso, na máis próxima, levando a cabo unha serie de visitas, co escritor veciño Xabier Maceiras como guía, a diferentes puntos de interese próximos á nosa escola e concello.

Todas as etapas e niveis educativos do centro están a coñecer a nosa riqueza natural, patrimonial, etc. coas amenas e interesantes explicacións de Maceiras á vez que aproveitamos para merendar e ter unha tranquia xornada de convivencia. As saídas que estamos levando a cabo son ao Pazo de Galán, un roteiro de lendas moi especial, a fábrica de curtidos, as Torres Vixía, a Estación de Uxes, os petroglifos de Larín, Suevos e O Baleeiro así como unha visita relacionada con Manuel Murguía que tan próximo nos queda na nosa escola.

Na páxina web do noso centro temos moitas máis fotografías e información máis detallada de cada saída.






29 de maio de 2024

Tivemos unha sesión de xogos populares

Este curso, dentro do Proxecto Anual de Centro, continuamos afondando sobre as culturas e en concreto, sobre a nosa cultura, por exemplo, como é neste caso, coñecendo unha morea de xogos populares, nos que o alumnado de Educación Infantil, primeiro ciclo e sexto de Educación Primaria así como o noso alumnado convidado en convivencia do CEIP Los Valles de La Laguna del Duero de Valladolid puideron poñelos en práctica. Ademais, o alumnado de sexto de Educación Primaria e os nosos convidados, levaron a cabo obradoiros de coiro e amosaron as súas compañeiras e compañeiros o noso baile e música tradicional.