Ola a todas e a todos,
BiblioGalán está de volta e despois de un mes de setembro de posta a punto, aquí estamos comezando unha nova andaina no mundo da lectura no CEIP de Galán.
Este curso será un curso de cambios, de novos proxectos, actividades e sobre todo, de vida na nosa BE, xa que despois de uns anos moi complexos para todas e todos, poderedes volver a ela, a gozar cos seus estantes cheos de libros e sobre todo, comezar a descubrir un novo espazo no que vos seredes as auténticas e os auténticos protagonistas das vosas aprendizaxes, un espazo deseñado específicamente para crear.
Aproveitamos esta entrada no blog para presentarnos, xa que somos un novo equipo e é importante que nos coñezades para comentarnos todas e cada unha das propostas que teñades para a BE. Eu son Diego, o recente nomeado coordinador e o meu equipo de compañeiras marabillosas son Lucía, Mónica, Anais, Belén e Clara. Como dicimos, somos todo oídos, xa que xuntas e xuntos, faremos da BiblioGalán un espazo moi especial.
Entre as novidades que temos organizadas para este curso, ademáis de un novo mobiliario que estamos a espera da súa chegada, da apertura da BE a todas as titorías do centro así como á toda a comunidade educativa e como non, dunha dotación actualizada de fondos tanto de investigación como de literatura, é que comezaremos, de xeito progresivo, co proxecto de Mochilas viaxeiras. Unhas mochilas cheas de investigación, música e palabras que este ano, viaxaran polas casas das nenas e nenos de Educación Infantil e primeiro nivel de Educación Primaria. Quero volver a remarcar a importancia da comunidade educativa, porque toda ela, terá un papel moi importante nesta nova etapa da BE, a través de familias de conto e outras iniciativas que iremos coñecendo ao longo do curso. Esta BE é vosa tamén.
No centro tamén hai novidades, xa que este curso traballaremos e investigaremos todas e todos un mesmo tema. Enraizando Galán, o Proxecto Anual de Centro, que este ano promoverá en todas e todos nos un desenvolvemento sostible e un coñecemento da contorna natural do centro, que como sabedes, é impresionante.
Aproveitamos esta entrada de presentación para compartir con vos o Proxecto Anual de Lectura da nosa BE así como as liñas de actuación xerais que temos programadas e que van recollidas na Programación Xeral Anual do Centro. Unhas liñas que están deseñadas para facer da nosa BE un espazo de todas e todos para todas e para todos, sen importar os nosos intereses, estilos e preferencias de aprendizaxe, un lugar onde desenvolver de xeito natural as metodoloxías activas, competencias STEAM, ALFIN e AMI, sen perder en todo momento os obxectivos marcados pola Axenda 2030.
Este blog será unha peza imprescindible para manter o contacto entre todas e todos vos coa nosa BE e ademáis dos comentarios, tedes dispoñible o noso enderezo electrónico para calquera cousiña que precisedes comentar, ceipgalanbiblioteca@gmail.com
Ata moi pronto,
Equipo de BE do CEIP de Galán