Amosando publicacións coa etiqueta Mochilas viaxeiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mochilas viaxeiras. Amosar todas as publicacións

17 de nov. de 2025

As mochilas viaxeiras parten cara as vosas casas

Un ano máis, as Mochilas Viaxeiras da bibliogalán visitarán as vosas casas durante uns días. 

Este curso, as mochilas van cargadas de cómics, divulgación, ciencia ou arte.

Esperamos que leades en familia e que desfrutedes moito da selección que preparamos. 

13 de mar. de 2025

As mochilas viaxeiras emprenden unha nova aventura!

Un ano máis, na bibliogalán poñemos en marcha as Mochilas Viaxeiras, unha iniciativa que permite que os libros saian da escola para acompañar ás familias durante unha semana.

Este curso, as mochilas están cargadas de libros de divulgación, cociña, experimentos e ciencia e creatividade en familia, para que grandes e pequenas e pequenos poidan compartir momentos de lectura, aprendizaxe e descubrimentos.

A lectura en familia fortalece lazos, esperta curiosidade e convida a experimentar xuntas e xuntos. Estamos seguras e seguros de que estas mochilas traerán moitas ideas e momentos inesquecibles a cada casa!



23 de out. de 2023

As mochilas viaxeiras emprenden a súa viaxe

Esta semana, coincindo ca semana onde se celebra o Día das Bibliotecas, a BIBLIOGALÁN comeza a recuperar toda a súa actividade. E que sería da nosa biblioteca sen as mochilas viaxeiras? Pois dende xa, as nenas e nenos de Educación Infantil, primeiro, segundo e terceiro de Educación Primaria comezarán a gozar en familia de libros en cociña, experimentos, banda deseñada, novidades de ficción, divulgación, libros de compromiso social e Axenda 2030 cunha aposta clara pola lingua galega.

Un pedazo dese tesouro tan prezado como é a biblioteca da escola, estará con cada un e cada unha de vós unha semana. Eso si, temos que ter unha misión moi importante. Ser moi responsables con ela e tratar todo os seus libros con moito agarimo e coidado.

Ademais, as mochilas conteñen un caderno viaxeiro, ideal para facer algún debuxo sobre os libros, compartir algunha fotografía gozando da mochila, escribir as vosas opinións, etc. Sen dúbida, será un bonito recordo creado entre todas e todos para a nosa biblioteca.

27 de out. de 2022

BiblioGalán abre as súas portas no Día das Bibliotecas


Co gallo da celebración do Día das Bibliotecas, a nosa BiblioGalán, despois dunha formación de persoas usuarias, por fin pon en marcha toda a súa actividade programada para este curso 2022 - 2023. Toda esta programación esta recollida no Plan Anual de Lectura e que podedes consultar premendo aquí.

Así que, este 24 de outubro todas as nenas e nenos da escola tiveron ocasión de visitar o noso espazo posto que como principal novidade, este curso recuperamos os recreos na biblio, un proxecto que ten como obxectivo, proporcionar espazos activos de lectura e de recursos de creación de contido, especialmente co ollo posto nas competencias STEAM. Para iso, cada día, en cada recreo, contaremos con distintos recantos e obradoiros temáticos que estamos seguras e seguros, farán gozar a todas e todos nós. Esta semana, o centro de actividade proposto foron distintas tarefas relacionadas co mundo de Samaín. 








Para o bo desenvolvemento e funcionamento deste proxecto, contamos ca figura do alumnado voluntario, nenas e nenos de quinto e sexto de Educación Primaria que levan a cabo tarefas de control, dinamización, orde, etc. da nosa biblioteca. Unha axuda extraordinaria.

Pero a biblioteca non só está aberta durante os recreos, tamén recuperamos a súa actividade de tarde que próximamente virá acompañada dun novo proxecto para a nosa escola como é o préstamo en familia.

Durante a xornada lectiva, todas as titorías teñen un horario reservado para poder asistir e desenvolver na biblioteca todas as actividades que se propoñan ademáis, de levar a cabo o préstamo de fondos do noso catalogo. 

E falando de préstamos, as Mochilas Viaxeiras comezan a viaxar esta semana a todas as casas das nenas e dos nenos de Educación Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria. Esperamos que gocedes moito delas en familia. 

BiblioGalán tamén está aberta para toda a nosa comunidade educativa, polo que, dentro do proxecto de Contos na lareira, todas as familias, etc. poderedes vir a contarnos as historias que desexedes. Estamos desexando escoitarvos.

E para rematar, este ano estreamos os Clubes de lectura para alumnado. Nesta ocasión, nenas e nenos de sexto de Educación Primaria conforman dous clubes nos que compartiran as súas vivencias durante a lectura de ditos libros. Seguiremos todas as súas actividades neste blog. Pero non só as rapazas e rapaces de sexto teñen clubes de lectura, as mestras e mestres tamén continuamos co noso propio club, que xa está en marcha e do que tamén, moi pronto contaremos cousiñas.

Quedan moitas cousas das que falar que temos organizadas para este curso, pero cada cousiña no seu tempo. Agora, a gozar da nosa BiblioGalán, xa que estamos encantadas e encantados de volver a recibirvos a todas e todos nela!

22 de out. de 2021

Unha Semana das Bibliotecas de conto

O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, unha conmemoración que non queríamos deixar de festexar na #BiblioGalán dun xeito especial. Comezamos co proxecto de Libros que van e veñen: Mochilas viaxeiras e o máis importante, abrimos o noso espazo para todas as titorías da escola. Dende esta semana, todas as nenas e nenos do CEIP de Galán poden gozar dos fondos documentais e literarios que temos na nosa BE, poden vir a traballar nos seus proxectos de aula, aproveitar para ler historias marabillosas e como non, facer os préstamos dos que tantas ganas tiñamos, así que, todo o noso alumnado pode levar á súa casa un pedaciño dos tesouros que aquí temos. 

Outra actividade que estamos levando a cabo para conmemorar o Día das Bibliotecas é converter o noso espazo nun verdadeiro conto. Nesta ocasión, titorías como as de primeiro de EP (ao longo da semana iránse sumando o resto) leron o conto de Unha eiruga moi larpeira de Eric Carle á vez que convertemos a nosa BE e a súa entrada no auténtico conto ca axuda de realidade aumentada. Grazas a ela, puidemos pasear polo campo da eiruga, vela de moi cerca e incluso xogar cas froitas que tanto a fixeron engordar. Gozamos moito de poder vivir unha auténtica biblioteca de conto. 

O equipo da BE do CEIP de Galán

Imaxes de realidade aumentada de  Jacob Woolcock

14 de out. de 2021

#BiblioGalán pon en marcha as Mochilas viaxeiras

Tal e como comentábamos na publicación anterior, este curso a nosa BE estará viva e dinámica, ofrecendo a todas as nosas nenas e a todos os nosos nenos, proxectos e actividades que promovan a lectura e poñan en práctica o desenvolvemento de actitudes e competencias de diversa índole. 
















Para isto, todo o equipo fixemos moito esforzo para poñer en marcha este proxecto que estamos seguras e seguros que vaivos encantar: #BiblioGalán estrea as súas Mochilas viaxeiras

O proxecto de Libros que van e veñen: Mochilas viaxeiras é unha proposta para fomentar a lectura que consiste en levar unha semana á casa un pedaciño da nosa BE. Unha mochila chea de aventuras, emocións, música, palabras, poesía e investigación e que é ideal para gozar en familia. O proxecto irá introducíndose na escola de xeito progresivo, este curso comezando pola etapa completa de Educación Infantil e o primeiro nivel de Educación Primaria. 

A selección de fondos para cada mochila está adaptada as características, preferencias, ritmos e estilos de aprendizaxe do alumnado partindo dun eixe común: libros para gozar en familia como son experimentos, cociña, etc. Libros para desenvolver no alumnado unha boa conciencia social, sen perder a ollada aos obxectivos marcados pola Axenda 2030 e como non, unha importante selección de libros en lingua galega  para poesía, investigación ou música. Ademais, quixemos incluir libros que, seguindo o tema central das Bescolaresgal para este curso, dean voz as palabras das nosas BE. 

- Consulta os fondos das Mochilas viaxeiras premendo aquí.
















Cada mochila leva un Caderno viaxeiro, ca finalidade de facer algún debuxo sobre os libros, compartir algunha fotografía gozando da mochila, escribir as vosas opinións, etc. Un caderno en branco onde queremos que deixedes voar a vosa imaxinación e entre todas e entre todos, facer un recordo que formará parte da nosa BE.

Recordade, e estamos seguras e seguros que así será, de ser moi responsables con todos os fondos das mochilas, xa que son un tesouro que entre todas e todos temos tratar con moito coidado e agarimo.

Esperamos que gocedes moito delas, 

O equipo da BE do CEIP de Galán.

5 de out. de 2021

BiblioGalán está de volta e con moitas novidades!

Ola a todas e a todos,

BiblioGalán está de volta e despois de un mes de setembro de posta a punto, aquí estamos comezando unha nova andaina no mundo da lectura no CEIP de Galán

Este curso será un curso de cambios, de novos proxectos, actividades e sobre todo, de vida na nosa BE, xa que despois de uns anos moi complexos para todas e todos, poderedes volver a ela, a gozar cos seus estantes cheos de libros e sobre todo, comezar a descubrir un novo espazo no que vos seredes as auténticas e os auténticos protagonistas das vosas aprendizaxes, un espazo deseñado específicamente para crear. 

Aproveitamos esta entrada no blog para presentarnos, xa que somos un novo equipo e é importante que nos coñezades para comentarnos todas e cada unha das propostas que teñades para a BE. Eu son Diego, o recente nomeado coordinador e o meu equipo de compañeiras marabillosas son Lucía, Mónica, Anais, Belén e Clara. Como dicimos, somos todo oídos, xa que xuntas e xuntos, faremos da BiblioGalán un espazo moi especial.

Entre as novidades que temos organizadas para este curso, ademáis de un novo mobiliario que estamos a espera da súa chegada, da apertura da BE a todas as titorías do centro así como á toda a comunidade educativa e como non, dunha dotación actualizada de fondos tanto de investigación como de literatura, é que comezaremos, de xeito progresivo, co proxecto de Mochilas viaxeiras. Unhas mochilas cheas de investigación, música e palabras que este ano, viaxaran polas casas das nenas e nenos de Educación Infantil e primeiro nivel de Educación Primaria. Quero volver a remarcar a importancia da comunidade educativa, porque toda ela, terá un papel moi importante nesta nova etapa da BE, a través de familias de conto e outras iniciativas que iremos coñecendo ao longo do curso. Esta BE é vosa tamén.

No centro tamén hai novidades, xa que este curso traballaremos e investigaremos todas e todos un mesmo tema. Enraizando Galán, o Proxecto Anual de Centro, que este ano promoverá en todas e todos nos un desenvolvemento sostible e un coñecemento da contorna natural do centro, que como sabedes, é impresionante.

Aproveitamos esta entrada de presentación para compartir con vos o Proxecto Anual de Lectura da nosa BE así como as liñas de actuación xerais que temos programadas e que van recollidas na Programación Xeral Anual do Centro. Unhas liñas que están deseñadas para facer da nosa BE un espazo de todas e todos para todas e para todos, sen importar os nosos intereses, estilos e preferencias de aprendizaxe, un lugar onde desenvolver de xeito natural as metodoloxías activas, competencias STEAM, ALFIN e AMI, sen perder en todo momento os obxectivos marcados pola Axenda 2030.


Este blog será unha peza imprescindible para manter o contacto entre todas e todos vos coa nosa BE e ademáis dos comentarios, tedes dispoñible o noso enderezo electrónico para calquera cousiña que precisedes comentar, ceipgalanbiblioteca@gmail.com

Ata moi pronto, 
Equipo de BE do CEIP de Galán