11 de mar. de 2025

8M: Ler para cambiar a historia

Este 8 de marzo, a bibliogalán encheuse de historias e imaxinación para celebrar o Día da Muller. O alumnado voluntario organizou un contacontos para Educación Infantil, lendo Caperucita Roja de Roald Dahl, unha versión que rompe cos estereotipos tradicionais e presenta unha protagonista forte e decidida. A lectura estivo chea de emoción e risas, facendo que as máis pequenas e os máis pequenos desfrutaran dunha historia diferente.

Despois, as nenas e nenos participaron nun obradoiro de papiroflexia, no que crearon marionetas tipo comecocos coas caras das e dos personaxes do conto. Esta actividade permitiulles recrear a historia ao seu xeito, fomentando a súa creatividade e motricidade fina.

Para completar a conmemoración, preparamos unha exposición de libros sobre igualdade, mulleres inspiradoras e feminismo, dispoñibles para consulta e préstamo. Unha xornada chea de literatura, aprendizaxe e diversión!