Celebramos no noso centro o Día do Libro cunha nova sesión de apadriñamentos lectores, unha actividade que enche de vida e ilusión a nosa biblioteca e as aulas.
Nesta ocasión, foi o alumnado de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria quen fixo de madriñas e padriños lectoras/es das nenas e nenos de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria. Moitas parellas repetiron a experiencia iniciada no apadriñamento de Nadal, mentres que outras se estrearon nesta actividade tan especial.
Desde comezos da semana, as madriñas e os padriños puideron achegarse á biblioteca para escoller con coidado os contos que compartirían. O día non estaba moi alá, así que decidimos facer a actividade dentro do colexio, buscando espazos tranquilos e acolledores para a lectura compartida.
Durante uns vinte minutos, o centro encheuse de contos, voces baixiñas, sorrisos e moita complicidade entre lectoras e lectores. Un tempo para gozar, para escoitar e para coidar esas pequenas grandes relacións que nacen arredor dos libros.
Grazas a todas as madriñas, padriños, afilladas e afillados por facer desta xornada un xeito tan fermoso de celebrar o poder da lectura.