Amosando publicacións coa etiqueta diadolibro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta diadolibro. Amosar todas as publicacións

25 de abr. de 2025

Celebramos o Día do Libro con apadriñamentos lectores

Celebramos no noso centro o Día do Libro cunha nova sesión de apadriñamentos lectores, unha actividade que enche de vida e ilusión a nosa biblioteca e as aulas.

Nesta ocasión, foi o alumnado de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria quen fixo de madriñas e padriños lectoras/es das nenas e nenos de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria. Moitas parellas repetiron a experiencia iniciada no apadriñamento de Nadal, mentres que outras se estrearon nesta actividade tan especial.

Desde comezos da semana, as madriñas e os padriños puideron achegarse á biblioteca para escoller con coidado os contos que compartirían. O día non estaba moi alá, así que decidimos facer a actividade dentro do colexio, buscando espazos tranquilos e acolledores para a lectura compartida.

Durante uns vinte minutos, o centro encheuse de contos, voces baixiñas, sorrisos e moita complicidade entre lectoras e lectores. Un tempo para gozar, para escoitar e para coidar esas pequenas grandes relacións que nacen arredor dos libros.

Grazas a todas as madriñas, padriños, afilladas e afillados por facer desta xornada un xeito tan fermoso de celebrar o poder da lectura.







1 de maio de 2024

Celebramos o Día do Libro cun apadriñamento lector


Polo eido da conmeración do Día Internacional do Libro, levamos a cabo un novo apadriñamento lector, onde as nenas e nenos de terceiro, cuarto, quinto e sexto de Educación Primaria leron contos, historias e intercambiaron conversas co alumnado de Educación Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria. Ademais, as afilladas e os afillados de lecturas fixeron un agasalliño moi especial para todas elas e todos eles, un orixinal e personalizado marcapáxinas en forma de corazón para que sempre lembren este día nas súas lecturas. 









25 de abr. de 2023

Así foi o Día do Libro na BiblioGalán


O venres 21 de abril celebramos na nosa escola o Día Internacional do Libro e fixémolo dun xeito moi especial, cunha actividade de amadriñamentos e apadriñamentos lectores que sen dúbida, encantounos!

O alumnado dos últimos ciclos de Educación Primaria amadriñou e apadriñou ao alumnado da etapa de Educación Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria para ler un conto nos corredores e outros espazos do centro. Ademais, agasallaron ás súas afilladas lectoras e afillados lectores cun marcapáxinas personalizado, animando á lectura.