Pura a tartaruga, o proxecto de gamificación levado a cabo ao longo do curso pasado ven de ser premiado no IX Concurso de Traballo de Proxectos na categoría de proxectos de investigación intercentros, entre o CEIP de Galán (Arteixo, A Coruña) e o CRA de Culleredo (Culleredo, A Coruña). Esta é a segunda colaboración intercentros e interetapa entre estes dous centros. Anteriormente Martiño e Testa, unha viaxe espæcial; recoñecido no VIII Concurso de Traballo por Proxectos na súa modalidade colaborativa e promovidos, entre outros, pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.
Pura a tartaruga, un mar de valores ten como obxecto principal promover no alumnado, ademais das posibilidades da diversidade plural, un desenvolvemento sostible, especialmente co coidado do mar. Está composta por unha serie de misións de índole variada (ciencias, arte, intelixencia emocional, música, etc.), vinculadas ao currículo do nivel e da etapa que á súa vez están relacionadas cos temas transversais e diferentes conmemoracións. O proxecto apóiase nunha metodoloxía da aprendizaxe activa, tendo en conta as características do alumnado e a participación da comunidade educativa. Finalizada esta aventura, o alumnado participante completou a súa Credencial Ecoloxista, a cal certifica o seu compromiso con Pura polo coidado do medio ambiente.