Amosando publicacións coa etiqueta concursos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concursos. Amosar todas as publicacións

17 de xuño de 2025

Xa temos traballos seleccionados no concurso de fotografía e obxectos antigos!

Hai uns meses desde a Bibliogalán propuxémosvos un reto moi especial: descubrir obxectos antigos, coñecer a súa historia e retratalos en familia. O obxectivo era mesturar fotografía, memoria, historia e aprendizaxe... ¡e a participación superou todas as expectativas!

📸 Recibimos moitas fotografías creativas, acompañadas de formularios ben documentados nos que as familias e o alumnado nos explicaron para que servía cada obxecto, como se usaba e quen o utilizaba. Foi unha auténtica viaxe ao pasado a través de teléfonos de disco, cámaras analóxicas, radios, lámpadas e moito máis.

✨ A decisión foi difícil, xa que a calidade das fotografías e dos textos foi altísima. A votación estivo moi axustada, pero finalmente o equipo de biblioteca seleccionou catro participantes, xa que se produciu un empate entre varios traballos destacados:

🏆 Ruth (1ºB)
🏆 Simón (1ºB)
🏆 Erik (1ºA)
🏆 Alice (4ºB)

👏 Parabéns! Todas as fotografías están xa expostas no recibidor do centro e durante o Festival de Fin de Curso, o vindeiro xoves 19 de xuñoentregaranse os diplomas e premios ás persoas gañadoras.

Grazas a todo o alumnado participante e ás súas familias pola ilusión e esforzo. Con esta actividade, aprendemos, compartimos e valorizamos o pasado que constrúe o noso presente.

13 de mar. de 2025

Presentamos o noso concurso de fotografía "Obxectos con historia"

A bibliogalán convídavos a participar nun concurso moi especial no que combinaremos fotografía, historia e creatividade. O obxectivo é descubrir obxectos antigos que antes se utilizaban no día a día e que agora quedaron en desuso ou foron substituídos pola tecnoloxía. Unha oportunidade perfecta para que as nenas e nenos coñezan o pasado da man das súas familias!

En que consiste o concurso?

Cada participante deberá:

1.- Buscar un obxecto antigo na casa ou na familia. Pode ser calquera cousa que xa non se use habitualmente, como un teléfono de disco, unha máquina de escribir, un reloxo de peto, unha radio antiga, un sifón, unha lámpada de queroseno…

2.- Facer unha fotografía na que a nena ou neno estea usando ou interactuando co obxecto. Na foto pode aparecer tamén xente da súa familia ou contorna. Queremos ver como se manexaban estes obxectos no pasado!

3.- Cubrir un formulario en AbalarBox (preme aquí para acceder) coas seguintes informacións sobre o obxecto:

  • Nome do obxecto.

  • Para que servía e quen o usaba.

  • Como funciona.

4.- Enviar a fotografía ao correo electrónico da biblioteca: biblioteca.ceip.galan@edu.xunta.gal antes do 11 de abril de 2025.

A quen vai dirixido?

O concurso está aberto a todo o alumnado do colexio, dende Educación Infantil ata Primaria. As familias poden axudar a buscar o obxecto e sacar a foto, pero é imprescindible que na imaxe apareza a nena ou neno soa, só ou acompañada e acompañado interactuando con el.

Que faremos coas fotos?

Todas as fotografías formarán parte dunha exposición no colexio, para que todo o alumnado poida ver os obxectos e as súas historias.
Todas as e os participantes recibirán un diploma.
Haberá premios para as mellores fotografías e descricións.

Data límite para enviar as fotos: 11 de abril de 2025

Imos recuperar obxectos esquecidos e descubrir as súas historias! Animádevos a participar en familia e a compartir con nós un anaco do pasado!

Se tedes dúbidas, podedes preguntar na biblioteca ou escribirnos ao correo. Esperamos as vosas fotos!

27 de feb. de 2025

O noso alumnado finalista no Certame Literario Rosalía de Castro da Biblioteca Municipal de Arteixo


Este ano, o noso centro participou de novo no Certame Literario Rosalía de Castro, organizado pola Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo, unha iniciativa que pon en valor a creación literaria en galego e a figura desta autora imprescindible. Estamos moi orgullosas e orgullosos de anunciar que cinco alumnas e alumnos do noso colexio foron finalistas e acudiron á entrega de premios na Biblioteca Central de Arteixo.

Durante o acto, que contou coa participación doutros centros educativos do concello, rendéuselle homenaxe a Rosalía a través da palabra, a música e a literatura. A xornada serviu para reivindicar a súa obra e fomentar a escrita en galego entre o alumnado.

Parabéns a Iago, Noa, Flavia, Laura e Icía polo seu traballo e entusiasmo! Seguimos promovendo a creatividade e a literatura na nosa biblioteca.





10 de xan. de 2025

Aberto o Certame literario homenaxe a Rosalía de Castro 2025

Xa está aberto o Certame Literario Homenaxe a Rosalía de Castro 2025, organizado pola Rede Municipal de Bibliotecas de Arteixo. De novo, unha oportunidade perfecta para dar renda solta á creatividade e contribuír a manter viva a memoria da nosa gran escritora.

Este certame está dirixido a todas e todos os amantes das palabras, para os cursos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Hai diferentes categorías segundo a idade e modalidades de participación.

Se che gusta escribir ou se queres render a túa homenaxe a Rosalía a través das túas palabras, esta é a túa ocasión. Podes presentar poemas, relatos ou mesmo textos que se inspiren na súa obra ou nos valores que representaba.

A data límite para enviar os traballos é o 17 de febreiro de 2025, así que aínda hai tempo para preparar algo especial. Ademais, hai premios para os mellores textos, pero o máis importante é o recoñecemento ao talento literario e o cariño pola nosa lingua e cultura.

Consulta as bases completas do certame aquí: Certame Literario Rosalía de Castro 2025.

Animádevos a participar e a demostrar que as palabras teñen o poder de transformar e emocionar. Rosalía estaría orgullosa de ver que a súa herdanza segue viva a través da vosa creatividade.

9 de xan. de 2025

Breogán foi premiado no X Concurso de Traballo por Proxectos


Estamos moi emocionadas e emocionados de compartir unha nova que enche de orgullo as nosas bibliotecas. O proxecto de A viaxe de Breogán, realizado conxuntamente pola biblioteca do CEIP de Galán e a do CRA de Culleredo, foi galardoado no X Concurso de Traballo por Proxectos na categoría de proxectos de investigación intercentros.

Este recoñecemento, que chega grazas ao esforzo e á implicación de alumnado, profesorado e familias, destaca o valor do traballo en equipo e a capacidade de investigar, aprender e crear xuntos.

Queremos dar as grazas a todas e todos os que fixestes isto posible: pola vosa curiosidade, entusiasmo e ganas de aprender xuntas e xuntos. Este premio é voso tanto como noso.

Se aínda non coñeces o proxecto, bótalle unha ollada no noso blog: Esta foi a viaxe de Breogán.

1 de feb. de 2024

Apúntate ao concurso de chistes da bibliogalán

Con motivo do Entroido, os días 7, 8 e 9 de febreiro organizaremos un concurso de chistes para todo o noso alumnado.

Para participar tan só tes que mandarnos algúns chistes, sempre respectuosos para todas e todos, e vir á bibliogalán durante o recreo correspondente a contalos. O público, o alumnado do noso centro, será o encargado de escoller á ganadora ou ao ganador a través dunha votación en liña.

Para participar, fala con algunha ou algún das mestras ou mestres da bibliogalán ou apúntante a tavés do formulario en rede.

APÚNTATE PREMENDO AQUÍ.

Consulta aquí as bases do concurso.

9 de xan. de 2024

Pura a tartaruga, premiada no IX Concurso de Traballo por Proxectos

Pura a tartaruga, o proxecto de gamificación levado a cabo ao longo do curso pasado ven de ser premiado no IX Concurso de Traballo de Proxectos na categoría de proxectos de investigación intercentros, entre o CEIP de Galán (Arteixo, A Coruña) e o CRA de Culleredo (Culleredo, A Coruña). Esta é a segunda colaboración intercentros e interetapa entre estes dous centros. Anteriormente Martiño e Testa, unha viaxe espæcial; recoñecido no VIII Concurso de Traballo por Proxectos na súa modalidade colaborativa e promovidos, entre outros, pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia

Pura a tartaruga, un mar de valores ten como obxecto principal promover no alumnado, ademais das posibilidades da diversidade plural, un desenvolvemento sostible, especialmente co coidado do mar. Está composta por unha serie de misións de índole variada (ciencias, arte, intelixencia emocional, música, etc.), vinculadas ao currículo do nivel e da etapa que á súa vez están relacionadas cos temas transversais e diferentes conmemoracións. O proxecto apóiase nunha metodoloxía da aprendizaxe activa, tendo en conta as características do alumnado e a participación da comunidade educativa. Finalizada esta aventura, o alumnado participante completou a súa Credencial Ecoloxista, a cal certifica o seu compromiso con Pura polo coidado do medio ambiente.