O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, unha conmemoración que non queríamos deixar de festexar na #BiblioGalán dun xeito especial. Comezamos co proxecto de Libros que van e veñen: Mochilas viaxeiras e o máis importante, abrimos o noso espazo para todas as titorías da escola. Dende esta semana, todas as nenas e nenos do CEIP de Galán poden gozar dos fondos documentais e literarios que temos na nosa BE, poden vir a traballar nos seus proxectos de aula, aproveitar para ler historias marabillosas e como non, facer os préstamos dos que tantas ganas tiñamos, así que, todo o noso alumnado pode levar á súa casa un pedaciño dos tesouros que aquí temos.
Outra actividade que estamos levando a cabo para conmemorar o Día das Bibliotecas é converter o noso espazo nun verdadeiro conto. Nesta ocasión, titorías como as de primeiro de EP (ao longo da semana iránse sumando o resto) leron o conto de Unha eiruga moi larpeira de Eric Carle á vez que convertemos a nosa BE e a súa entrada no auténtico conto ca axuda de realidade aumentada. Grazas a ela, puidemos pasear polo campo da eiruga, vela de moi cerca e incluso xogar cas froitas que tanto a fixeron engordar. Gozamos moito de poder vivir unha auténtica biblioteca de conto.
O equipo da BE do CEIP de Galán