Amosando publicacións coa etiqueta diadabiblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta diadabiblioteca. Amosar todas as publicacións

27 de out. de 2022

BiblioGalán abre as súas portas no Día das Bibliotecas


Co gallo da celebración do Día das Bibliotecas, a nosa BiblioGalán, despois dunha formación de persoas usuarias, por fin pon en marcha toda a súa actividade programada para este curso 2022 - 2023. Toda esta programación esta recollida no Plan Anual de Lectura e que podedes consultar premendo aquí.

Así que, este 24 de outubro todas as nenas e nenos da escola tiveron ocasión de visitar o noso espazo posto que como principal novidade, este curso recuperamos os recreos na biblio, un proxecto que ten como obxectivo, proporcionar espazos activos de lectura e de recursos de creación de contido, especialmente co ollo posto nas competencias STEAM. Para iso, cada día, en cada recreo, contaremos con distintos recantos e obradoiros temáticos que estamos seguras e seguros, farán gozar a todas e todos nós. Esta semana, o centro de actividade proposto foron distintas tarefas relacionadas co mundo de Samaín. 








Para o bo desenvolvemento e funcionamento deste proxecto, contamos ca figura do alumnado voluntario, nenas e nenos de quinto e sexto de Educación Primaria que levan a cabo tarefas de control, dinamización, orde, etc. da nosa biblioteca. Unha axuda extraordinaria.

Pero a biblioteca non só está aberta durante os recreos, tamén recuperamos a súa actividade de tarde que próximamente virá acompañada dun novo proxecto para a nosa escola como é o préstamo en familia.

Durante a xornada lectiva, todas as titorías teñen un horario reservado para poder asistir e desenvolver na biblioteca todas as actividades que se propoñan ademáis, de levar a cabo o préstamo de fondos do noso catalogo. 

E falando de préstamos, as Mochilas Viaxeiras comezan a viaxar esta semana a todas as casas das nenas e dos nenos de Educación Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria. Esperamos que gocedes moito delas en familia. 

BiblioGalán tamén está aberta para toda a nosa comunidade educativa, polo que, dentro do proxecto de Contos na lareira, todas as familias, etc. poderedes vir a contarnos as historias que desexedes. Estamos desexando escoitarvos.

E para rematar, este ano estreamos os Clubes de lectura para alumnado. Nesta ocasión, nenas e nenos de sexto de Educación Primaria conforman dous clubes nos que compartiran as súas vivencias durante a lectura de ditos libros. Seguiremos todas as súas actividades neste blog. Pero non só as rapazas e rapaces de sexto teñen clubes de lectura, as mestras e mestres tamén continuamos co noso propio club, que xa está en marcha e do que tamén, moi pronto contaremos cousiñas.

Quedan moitas cousas das que falar que temos organizadas para este curso, pero cada cousiña no seu tempo. Agora, a gozar da nosa BiblioGalán, xa que estamos encantadas e encantados de volver a recibirvos a todas e todos nela!

22 de out. de 2021

Unha Semana das Bibliotecas de conto

O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, unha conmemoración que non queríamos deixar de festexar na #BiblioGalán dun xeito especial. Comezamos co proxecto de Libros que van e veñen: Mochilas viaxeiras e o máis importante, abrimos o noso espazo para todas as titorías da escola. Dende esta semana, todas as nenas e nenos do CEIP de Galán poden gozar dos fondos documentais e literarios que temos na nosa BE, poden vir a traballar nos seus proxectos de aula, aproveitar para ler historias marabillosas e como non, facer os préstamos dos que tantas ganas tiñamos, así que, todo o noso alumnado pode levar á súa casa un pedaciño dos tesouros que aquí temos. 

Outra actividade que estamos levando a cabo para conmemorar o Día das Bibliotecas é converter o noso espazo nun verdadeiro conto. Nesta ocasión, titorías como as de primeiro de EP (ao longo da semana iránse sumando o resto) leron o conto de Unha eiruga moi larpeira de Eric Carle á vez que convertemos a nosa BE e a súa entrada no auténtico conto ca axuda de realidade aumentada. Grazas a ela, puidemos pasear polo campo da eiruga, vela de moi cerca e incluso xogar cas froitas que tanto a fixeron engordar. Gozamos moito de poder vivir unha auténtica biblioteca de conto. 

O equipo da BE do CEIP de Galán

Imaxes de realidade aumentada de  Jacob Woolcock