17 de maio de 2025

Celebramos as Letras Galegas con contos, música e tradición oral

Celebramos na biblioteca do CEIP de Galán unha emotiva e enriquecedora actividade para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025, dedicado a un grupo de mulleres representantes da nosa tradición oral popular, entre elas Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villar, voces que mantiveron viva a nosa identidade a través das cantigas, os refráns, os contos e a música.

Contamos coa presenza de Carla, exalumna do centro, que compartiu con nós a lectura do conto Sei cantar e sei bailar, de Eva Mejuto, e aproveitou a ocasión para facer unha marabillosa introdución ao mundo da poesía e tradición oral galega.

Carla explicou detalles sobre o traxe tradicional galego e falounos das mulleres que lle dan sentido á homenaxe deste ano, entre elas algunhas pertencentes ás Cantareiras de Meis, pero tamén doutras zonas, todas elas transmisoras dunha cultura rica, oral e colectiva. Tamén nos ensinou algunha cantiga popular e animou ao alumnado a participar.

Un dos momentos máis especiais foi cando nos mostrou e tocou varios instrumentos tradicionais, moitos deles sinxelos e populares, como as cunchas, as culleres ou a pandeireta, demostrando como elementos cotiáns poden converterse en ferramentas musicais cheas de historia e significado.

Como peche da actividade, as cantareiras do noso centro interpretaron algunhas pezas preparadas coa súa profesora Salomé, enchendo a biblioteca de música e emoción.

Durante estes días, na biblioteca temos dispoñible unha selección de libros sobre as Letras Galegas e a tradición oral, que se poden prestar e consultar:

Ademais, como agasallo para toda a comunidade educativa, elaboramos unhas pandeiretas en 3D, unindo tradición e tecnoloxía, como símbolo desta celebración tan especial.

A actividade foi organizada conxuntamente pola bibligalán e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Grazas a todas e todos por facervos partícipes dunha xornada tan auténtica e chea de raíz.