Recentemente tiveron lugar dúas charlas de moito interese na bibligalán.
O luns 9 de febreiro, os alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria recibiron unha charla da fundación ENKI sobre a importancia do deporte como forma de inclusión e de derribar barreiras.
O martes 10 de febreiro, o alumnado de 6º de Educación Primaria asistiu á biblioteca, onde puideron escoitar á persoa coordinadora da sección de doazón de órganos e transplantes do CHUAC e a unha persoa con transplante hepático sobre a importancia da doazón de órganos.
Esta semana celebramos unha xornada moi especial no noso centro para achegarnos á riqueza da cultura árabe e musulmá. A actividade, organizada coincidindo coa celebración da Festa do Cordeiro, foi conducida polo profesor de árabe e cultura musulmá, que nos guiou nun marabilloso percorrido polo idioma, a música, a vestimenta, a gastronomía e as tradicións desta cultura.
O alumnado de cuarto de primaria participou con moito interese na charla e puido aprender a escribir o seu nome en árabe, ademais de coñecer de primeira man o traxe tradicional, xa que os nenos e nenas que asisten ás clases de árabe presentáronse vestidos co traxe tradicional do seu país.
Como broche final, gozamos dunha festa deliciosa grazas á colaboración das familias, que prepararon con agarimo unha impresionante mostra de doces tradicionais árabes. Non faltou o famoso té de menta, servizo incluído, nun ambiente festivo e de convivencia.
Foi unha experiencia chea de aprendizaxe, respecto e celebración da diversidade cultural que fai medrar a nosa comunidade educativa. ¡Shukran!
Na bibliogalán tivemos a sorte de recibir a visita de Juan, o avó dun alumno de 2º de Educación Primaria, acompañado do seu inseparable can guía. Juan, que ten unha dificultade visual, compartiu connosco como é o seu día a día e como o seu can guía o axuda a moverse con independencia.
O alumnado de primeiro ciclo de Educación Priamaria estivo moi interesado en coñecer a súa experiencia e fixéronlle moitas preguntas: como aprende o can guía a axudarlle, que dificultades atopa na rúa ou como usa as mans para ler. Juan respondeu a todas estas cuestións con moita atención, deixando a todas e todos fascinados coa súa historia.
Foi unha visita moi enriquecedora que nos axudou a reflexionar sobre a importancia da inclusión e o valor do respecto e a empatía. Moitas grazas, Juan, por compartir o teu tempo connosco!
Co galo do desenvolvemento do noso Proxecto Anual de Centro e en colaboración coa AMPA, continuamos a afondar na diversidade cultural e neste caso, na máis próxima, levando a cabo unha serie de visitas, co escritor veciño Xabier Maceiras como guía, a diferentes puntos de interese próximos á nosa escola e concello.
Todas as etapas e niveis educativos do centro están a coñecer a nosa riqueza natural, patrimonial, etc. coas amenas e interesantes explicacións de Maceiras á vez que aproveitamos para merendar e ter unha tranquia xornada de convivencia. As saídas que estamos levando a cabo son ao Pazo de Galán, un roteiro de lendas moi especial, a fábrica de curtidos, as Torres Vixía, a Estación de Uxes, os petroglifos de Larín, Suevos e O Baleeiro así como unha visita relacionada con Manuel Murguía que tan próximo nos queda na nosa escola.
Na páxina web do noso centro temos moitas máis fotografías e información máis detallada de cada saída.
Terceira lectura para o club de lectura de profesorado da Bibliogalán, a EEI de Barrionovo e a EEI de Vilarrodis - Oseiro. La mala costumbre de Alana S. Portero é unha historia sobre a diversidade afectivo - sexual pero sobre todo, un canto á liberdade. En maio vémonos na última sesión que seguro dará para moito que falar.
O pasado luns 4 de marzo levamos a cabo unha nova sesión do club de lectura para profesorado, na que coma sempre, contamos coa visita coas nosas compañeiras dos nosos centros adscritos (EEI de Barrionovo e EEI de Vilarrodís - Oseiro)
Ao longo deste trimestre levamos a cabo a lectura do libro de Arenas movedizas de Nella Larsen. Un libro sobre a diversidade racial que abriu un debate, entre distintas dinámicas e xogos, moi interesante, tanto para a conmemoración do 8M como para o desenvolvemento do noso Proxecto Anual de Centro sobre a diversidade cultural.
Dentro do noso Proxecto Anual de Centro, recibimos na BiblioGalán a visita de ADECECO para coñecer como é o día a día das persoas con dano cerebral adquirido a través dunha serie de obradoiros sensoriais e unha historia moi ilustrativa por parte dos Bolechas.
É momento de descansar, relaxarse, de pasar tempo coa familia e amizades e como non, gozar cunha boa lectura na praia, no campo ou na piscina. E para que non perdas moito tempo escollendo as lecturas que van acompañarte, aquí temos unha pequena selección de libros publicados ao longo deste ano de temática moi variada dende a narrativa, poesía, información e divulgación, banda deseñada, ilustración e todos cun importante contido feminista, sostible, integrador, con atención á diversidade afectivo - sexual e apostando pola lingua galega maioritariamente.
Podedes descargar a guía de lectura completa, premendo aquí.
Aproveitando o verán de San Miguel, Martiño e Testaforon pasear á praia das Lapas, baixo a Torre de Hércules. Alí atopáronse cunha sorpresa que non dubidaron en compartir con todas e todos nós. Así comeza a nosa gamificación para este curso 2022 - 23.
Non dubidamos en axudar á tartaruga Pura. Un compromiso que desenvolverá en todas e todos nós unha conciencia sostible e ecolóxica, que enmarcado no Proxecto Anual de Centro,que dará unha visión da diversidade plural, que fai das características individuais oportunidades de éxito e colaboración con toda a comunidade.
Con este compromiso recibimos na nosa aula todo o material necesario para levar a cabo as distintas misións que irán desenvolvendo a nosa conciencia sostible e ecolóxica.
As comunicacións con Pura e as súas amizades, materiais das misións, etc. chegarán nunha bolsiña de tea e botella de vidro reutilizables.
E unha Credencial Ecoloxista certificará os nosos avances nas misións. Nela, iremos pegando diferentes adhesivos das amizades de Pura, protagonistas de cada unha delas.
Xa estamos preparadas e preparados. Comezamos! Moitas e moitos de ós nnon lembramos un verán tan caloroso como o de este ano. Iso está provocando un aumento da temperatura dos nosos mares e océanos que poñen en perigo a vida de todas e todos os seres vivos que viven nel e del. O aumento da temperatura das augas, tamén está provocando que nos visiten novas especies que non acostumabamos ver nas nosas costas. Este é o caso de Susa a medusa, a protagonista da primera misión.
Con ela descubrimos que hai moita xente nova polo mundo adiante que está moi preocupada polo coidado do medio ambiente e que o poñen en coñecemento de todas e todos grazas o movemento Fridays for future.
Como misión, e despois de documentarnos, participamos no movemento Fridays for future, elaborando mensaxes de concienciación ecoloxista que difundimos a través dun vídeo curto nas redes sociais das familias, etc.
Coa publicación das nosas mensaxes reinvidicativas recibimos na aula o adhesivo de Susa a medusa que estrea a Credencial Ecoloxista.
Pura falanos dun grave problema. Ela e as súas amizades teñen que refuxiarse da fuga dun verquido dun barco. Preocúpanse moito porque trae lembranzas da traxedia do Prestige, que neses mesmos días cumpría vinte anos.
No barco no que se refuxian da fuga de verquido, Rodolfo o polbo coa luz de Tareixa a peixe lanterna, fai sombras de animais para adiviñar e así pasao tempo entretidas e entretidos.
As ideas para facer con sombras acábanse e como aínda teñen uns días máis a refuxio mentres limpan o mar, como misión dúas, enviámoslle as nosas propostas.
Pura e as súas amizades regresan ao seu fogar despois de que limparan o verquido que os tiña a refuxio. Nunha nova comunicación, recibimos a recompensa da misión en forma de adhesivo de Tareixa a peixe lanterna que pegamos na nosa Credencial Ecoloxista.
Nesa nova comunicación, Pura falanos dun problema moi grave. O mar cada vez está máis cheo de obxectos de hixiene persoal como bastóns para as orellas ou toallas húmidas que depositamos, por exemplo, nos váteres.
Tomás, o cabaliño de mar, víuse atrapado entre estes obxectos de hixiene persoal e nós, coincidindo co Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, investigamos e experimentamos sobre que ocorre cando depositamos as toallas húmidas e o papel hixiénico en auga e recollimos as conclusións.
Coa misión tres resolta coas nosas conclusións, recibimos o adhesivo de Tomás o cabaliño de mar, que pegamos na nosa Credencial Ecoloxista.
Pura comparte con nós unha nova. Antón o mexillón tivo un accidente moi perigoso e quedou atrapado nunha lata de conservas. Carpiño, o peixe carpa, nun acto heróico, consigueu liberalo.
No fondo do mar preparan unha festa para celebrar e homenaxear a Carpiño. Van dedicarlle unha canción máis tan só teñen o coro. Aproveitando o Día Mundial da Poesía, crearemos as estrofas e poñeremos música con vieiras, xa que son bivalvos como Antón.
Despois de investigar sobre a rima, compoñemos a letra e… música!
Pura, Carpiño, Antón e o resto de amizades xa teñen canción para a súa festa tan especial. Estivemos encantadas e encantados de axudalos!
Coa misión catro resolta, recibimos os adhesivos para a nosa Credencial Ecolóxica. Nesta ocasión, o adhesivo de Carpiño, o peixe carpa e o do mexillón Antón.
No fondo do mar ocorreu algo espantoso. Pura e as súas amizades estaban xogando cando Paz, a estrela de mar, levou un brazo cun anaco de vidro. Así comeza a misión cinco.
Cantas emocións sentíu Paz con este accidente e que importante é saber identificalas. Para iso, lemos sobre elas, profundízanos ca App do Faro de Learny Land e poñemos en común con Mentimeter que cousas nos fan sentir dun xeito ou doutro.
Por último, agora que xa coñecemos as emocións básicas, elaboramos pulseiras de cor, unha por emoción, para escoller segundo sintamos unha ou outra.
Coa misión cinco rematada, recibimos o adhesivo de Paz, a estrela de mar que pegamos na nosa Credencial Ecoloxista.
Vaia! Un amigo de Pura quedou sen casa. De quen se pode tratar? Co xogo de taboleiro de Concept Kids Animals e as pistas que temos, conseguimos adiviñalo. Ademais, a través dun libro, coñecemos a súa historia. Arranca a sexta misión!
Alexo o cangrexo precisa dun novo fogar e, con todo o lixo que a topamos no mar, imos deseñarlle e crear unha nova cuncha ou casiña reutilizando diferentes materiais.
Primeiro deseñamos nos nosos equipos distintos prototipos de fogar e despois, en familia, reutilizamos materiais para converter en realidade os deseños.
Alexo leva un feixe de ideas para novas casas e darlle así unha nova utilidade ao lixo que hai no mar. Deste xeito, a misión sexta queda superada e recibimos un novo adhesivo que pegamos nas nosas Credenciais Ecoloxistas.
Rodolfo é un polbo que está moi comprometido co coidado do seu fogar. Este amigo tan especial é o protagonista da séptima misión.
Entre as características tan especiais que ten Rodolfo, a que máis nos gusta é o comprometido que está polo coidado do seu fogar. Pasa o día recollendo o lixo que cae no mar, pero non calquera, especialmente metais como lavadoras, frigoríficos ou bicicletas.
Como misión, vamos entrar no código do vídexogo e modificar os seus elementos especialmente, introducindo metais, que é o que Rodolfo está especialmente interesado en recoller.
Deseñados os elementos, entramos no código do xogo e modificamos, de xeito que temos un vídeoxogo personalizado por cada equipo da clase que axuda a Rodolfo a recoller os metais depositados no mar. Exemplo de xogo 1.Exemplo de xogo 2.
Finalizada a misión, recibimos o adhesivo de Rodolfo o polbo que pegamos nas nosas Credencias Ecoloxistas.
Manola a caracola sempre está ao tanto do que ocorre no mar. Garda no seu interior tantas novas como pode e levaas dun lado a outro. Nos mares cada vez hai más ruido de fora, algo que altera a vida diaria dos animais mariños provocando estrés e outro tipo de enfermidades.
Este ruído, cada vez máis común e forte, non deixa que Manola garde no seu interior novas ou sons, especialmente do exterior así que como misión oito, elaboramos un caderno en realidade aumentada con onomatopeias do exterior do mar.
Investigamos sobre elas e debuxámolas. Despois, gravamos os sons e coa axuda da aplicación para tableta Halo AR argallamos un caderno de onomatopeias en realidade aumentada no que ao escanear a imaxe, reproduza o seu son.
Ca caderno de sons en realidade aumentada feito, finalizamos a misión e recibimos os adhesivos de Manola a caracola para a nosa Credencial Ecoloxista que cada vez está máis preto de completarse.
Sabiades que nos mares hai pantasmas? Pois hai, máis non son coma pensamos. Son as redes que quedan soltas no mar. Estas redes son moi perigosas xa que atrapan aos animais mariños provocándolles grandes danos. Comezamos a misión nove!
Pura, nunha nova comunicación, falanos deste problema tan grave que están a vivir no mar e de como, Lara, a peixe espada, axuda a todas e todos a liberalos cando quedan atrapadas e atrapados nas redes.
Lara, a peixe espada e as redes pantasma son as protagonistas da nosa nova misión. Unha misión que, aproveitando a exposición na Fundación Barrié do Proxecto Polaroid, imos facer unha composición artística con redes e fotografías instantáneas.
Documentámonos sobre a fotografía instantánea e comezamos a realizar a composición. A idea? Suxeitar, entre todas e todos, unha enorme rede para evitar que cheguen ao mar. Xuntas e xuntos somos o cambio!
Coa composición de fotografías instantáneas realizada e exposta na aula, recibimos o adhesivo de Lara, a peixe espada, que pegamos na Credencial Ecoloxista. Que preto estamos do remate!
A Quico o golfiño encántalle bañarse nas praias de Barrañán e Sabón máis desde fai un tempo, non pode facelo porque a auga está chea de cabichas de cigarros. Comezamos coa misión dez!
Manola a caracola escoitou que hai uns conos para depositar cabichas de cigarros na praia e despois baleirar no lixo. Sabemos moi ben que as cigarros son moi perxudicais para os corpos de calquera ser vivo igual que as súas cabichas para o medio ambiente.
Como misión, solicitamos por correo electrónico ao Concello de Arteixo que precisamos de conos para cabichas. Con eles, faremos unha dedicatoria e agasallaremos a persoas que consideramos que poden darlle uso.
Coas dedicatorias preparadas e os conos na escola, preparamos o agasallo confiando en que as persoas non tiren as cabichas de cigarros na area da praia e os golfiños coma Quico volvan a gozar de nadar na praia.
Coa misión dez rematada recibimos o adhesivo de Quico o golfiño. Tan só queda un adhesivo para completar a nosa Credencial Ecoloxista e Pura, di que está moito máis preto do que pensamos… Que intriga!
Pura ponse de novo en contacto con nós. Se queremos o último adhesivo é o momento de xogar e como non, de darlle ben ao coco.
Na biblioteca temos unha caixa cun cadeado numérico pechado. Dentro están os adhesivos de Pura máis, se queremos abrila, hai que averiguar o código de catro números.
Nos nosos equipos comezamos a traballar nas catro probas. A primeira, un crebacabezas que agocha o primeiro código.
A segunda proba é un labirinto cun enigma matemático que resolve o segundo número do código de desbloqueo do cadeado.
Segundo vamos resolvendo o break out, imos anotando na folla de rexistro os resultados. É importante para organizar e lembrar o código.
Na terceira proba, buscamos as diferenzas nas imaxes de Pura. O número de diferenzas é o terceiro díxito do código.
E por último, a cuarta proba é unha mensaxe secreta que agocha o número que completa o código de desbloqueo.
Xa temos o código. É o momento de intentar abrir a caixa!
Un éxito! O código funcionou a perfección e tal é como nós dixo Pura, dentro estaban os seus adhesivos. Tamén había una pequena carta de despedida que nos emociona moito!
Como sorpresa final, Pura e todas as súas amizades teñen un pequeno agasallo con todas e todos nós!
Unhas tatuaxes mariñas para a nosa pel, un xogo creativo - artístico co mar como protagonista, uns adhesivos de Pura e os diplomas que certifican o noso compromiso ecoloxista.
Pegamos o adhesivo que completa na nosa Credencial Ecoloxista e despedímonos desta aventura tan especial!
E algo moi importante. Reflexionamos sobre todo o que aprendimos ao longo do curso por medio dunha sinxela avaliación figuro - analóxica.