Así que, este 24 de outubro todas as nenas e nenos da escola tiveron ocasión de visitar o noso espazo posto que como principal novidade, este curso recuperamos os recreos na biblio, un proxecto que ten como obxectivo, proporcionar espazos activos de lectura e de recursos de creación de contido, especialmente co ollo posto nas competencias STEAM. Para iso, cada día, en cada recreo, contaremos con distintos recantos e obradoiros temáticos que estamos seguras e seguros, farán gozar a todas e todos nós. Esta semana, o centro de actividade proposto foron distintas tarefas relacionadas co mundo de Samaín.
Para o bo desenvolvemento e funcionamento deste proxecto, contamos ca figura do alumnado voluntario, nenas e nenos de quinto e sexto de Educación Primaria que levan a cabo tarefas de control, dinamización, orde, etc. da nosa biblioteca. Unha axuda extraordinaria.
Pero a biblioteca non só está aberta durante os recreos, tamén recuperamos a súa actividade de tarde que próximamente virá acompañada dun novo proxecto para a nosa escola como é o préstamo en familia.
Durante a xornada lectiva, todas as titorías teñen un horario reservado para poder asistir e desenvolver na biblioteca todas as actividades que se propoñan ademáis, de levar a cabo o préstamo de fondos do noso catalogo.
E falando de préstamos, as Mochilas Viaxeiras comezan a viaxar esta semana a todas as casas das nenas e dos nenos de Educación Infantil e primeiro ciclo de Educación Primaria. Esperamos que gocedes moito delas en familia.
BiblioGalán tamén está aberta para toda a nosa comunidade educativa, polo que, dentro do proxecto de Contos na lareira, todas as familias, etc. poderedes vir a contarnos as historias que desexedes. Estamos desexando escoitarvos.
E para rematar, este ano estreamos os Clubes de lectura para alumnado. Nesta ocasión, nenas e nenos de sexto de Educación Primaria conforman dous clubes nos que compartiran as súas vivencias durante a lectura de ditos libros. Seguiremos todas as súas actividades neste blog. Pero non só as rapazas e rapaces de sexto teñen clubes de lectura, as mestras e mestres tamén continuamos co noso propio club, que xa está en marcha e do que tamén, moi pronto contaremos cousiñas.