Amosando publicacións coa etiqueta discapacidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta discapacidade. Amosar todas as publicacións

20 de xan. de 2025

A historia de Juan e o seu can guía

Na bibliogalán tivemos a sorte de recibir a visita de Juan, o avó dun alumno de 2º de Educación Primaria, acompañado do seu inseparable can guía. Juan, que ten unha dificultade visual, compartiu connosco como é o seu día a día e como o seu can guía o axuda a moverse con independencia.

O alumnado de primeiro ciclo de Educación Priamaria estivo moi interesado en coñecer a súa experiencia e fixéronlle moitas preguntas: como aprende o can guía a axudarlle, que dificultades atopa na rúa ou como usa as mans para ler. Juan respondeu a todas estas cuestións con moita atención, deixando a todas e todos fascinados coa súa historia.

Foi unha visita moi enriquecedora que nos axudou a reflexionar sobre a importancia da inclusión e o valor do respecto e a empatía. Moitas grazas, Juan, por compartir o teu tempo connosco!


1 de mar. de 2024

Afondamos no dano cerebral adquirido con ADACECO

Dentro do noso Proxecto Anual de Centro, recibimos na BiblioGalán a visita de ADECECO para coñecer como é o día a día das persoas con dano cerebral adquirido a través dunha serie de obradoiros sensoriais e unha historia moi ilustrativa por parte dos Bolechas.




18 de xuño de 2023

Que vas ler este estío? Bota unha ollada ás nosas propostas!


É momento de descansar, relaxarse, de pasar tempo coa familia e amizades e como non, gozar cunha boa lectura na praia, no campo ou na piscina. E para que non perdas moito tempo escollendo as lecturas que van acompañarte, aquí temos unha pequena selección de libros publicados ao longo deste ano de temática moi variada dende a narrativa, poesía, información e divulgación, banda deseñada, ilustración e todos cun importante contido feminista, sostible, integrador, con atención á diversidade afectivo - sexual e apostando pola lingua galega maioritariamente.













Podedes descargar a guía de lectura completa, premendo aquí.

16 de xuño de 2023

Merendola e xogo, o peche perfecto do noso Club de Lectura para alumnado

Os nosos Clubs de Lectura rematan, e como colofón final, celebramos unha merendola na que compartimos as nosas impresións sobre esta primeira experiencia no Club. 

Despois, fixemos un Kahoot con preguntas relacionadas cas lecturas que fixemos ao longo do curso e que contaba cunha sorpresa moi especial: libros asinados pola propia Antía Yáñez

Ata o curso que ven, Clubs de Lectura!



31 de maio de 2023

Recibimos a Antía Yánez no Club de Lectura


Os Clubs de Lectura de alumnado están a piques de rematar a súa andaina para este curso 2022 - 2023 e contamos cunha actividade moi especial. A visita de Antía Yáñez, a autora de Plan de rescate, un libro que nos fixo gozar, reflexionar e aprender sobre a diversidade, eido principal do noso Proxecto Anual de Centro.

Durante a visita puidemos falar con Antía dun xeito tranquilo, facerlle moitas preguntas que tiñamos preparadas e debatir tranquilamente sobre todos os temas de interese xerados arredor da lectura.

Moitas grazas Antía pola túa visita!

19 de maio de 2023

Coñecemos o día a día dunha persoa xorda



Continuamos desenvolvendo o noso Proxecto Anual de Centro sobre a diversidade e nesta ocasión contamos coa visita, na BiblioGalán, dunha persoa xorda e a súa interprete da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia FAXPG para levar a cabo unha actividade de difusión e sensibilización sobre esta característica tan especial.

Co apoio dos Bolechas, percorrimos o día a día dunha persoa xorda, as dificultades coas que se atopa así como as súas posibilidades. Ademais, repasamos e aprendimos novas palabras en Lingua de Signos Española e puxemos en práctica moitos dos signos que fomos aprendendo ao longo deste curso.

Moitas grazas pola visita!


25 de abr. de 2023

Actividades de sensibilización sobre a diversidade funcional


Durante a segunda avaliación continuamos a desenvolver o noso Proxecto Anual de Centro relacionado co mundo da diversidade funcional e, unha vez máis, a BiblioGalán foi un dos centros de operacións do mesmo.

Nela levamos a cabo obradoiros, faladoiros e conferencias para profesorado, familias e alumnado sobre discapacidade visual, cognitiva ou auditiva, como foi o caso da visita de María, da organización da ONCE ou a visita de Sainza Ramos do centro CAENYA da Coruña.

14 de mar. de 2023

Nada se opone a la noche na nova sesión do Club de Lectura



Acabamos de levar a cabo unha nova sesión do Club de Lectura de profesorado, sobre o libro de Nada se opone a la noche de Delphine de Vigan. Unha historia de narrativa que non deixou indiferente a ninguén do Club. 

Entre diferentes dinámicas, xogos, etc. directamente relacionados con escenas, paisaxes ou acontecementos da historia, fomos viaxando ao longo do libro e compartindo as nosas experiencias e opinións. 

Ademais, non podemos esquecer o noso Proxecto Anual de Centro no eido da diversidade e que neste libro, ten un momento moi alxido e moi presente ao que na sesión prestamos especial atención.

Ata a próxima lectura!



7 de dec. de 2022

E pasou novembro, o Mes da Ciencia en Galego na BiblioGalán

Novembro foi moi activo na BiblioGalán debido a celebración do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas. Dita conmemoración pretende promocionar e promover a ciencia, na nosa lingua e nas nosas bibliotecas e para tal fin, contamos con múltiples e diversas actividades.

Ao longo do mes, na pantalla de cinema cada día proxectamos distintas científicas galegas e distintos científicos galegos. Dando así a coñecer figuras relevantes e a súa posta en valor. 

Durante os recreos na biblio, cada semana abordamos diferentes temáticas relacionadas ca ciencia como foi o traballo do pensamento computacional con actividades desenchufadas (códigos numéricos e cores), fichas de realidade aumentada de Quiver e Live Animation, experimentos, etc.

As titorías foron convidadas a realizar distintos experimentos na nosa BiblioGalán, polo que durante novembro, foi un auténtico laboratorio de aprendizaxes

As familias levaron a cabo lecturas en galego tamén relacionadas co mundo da ciencia, como foi o caso do libro Conta conmigo de Miguel Tanco. 

Tamén, e dentro do eido do noso Proxecto Anual de Centro, da man da mestra de Audición e Linguaxe, contamos cun obradoiro de Braille, un avance marabilloso da ciencia que permite as persoas con dificultades visuais poder ler e escribir. Ademais, na impresora 3D elaboramos distintas pezas en braille para fedellar con elas durante os nosos recreos na biblio

Por último, contamos con expositores de libros divulgativos, informativos, experimentais, etc. para a súa promoción no préstamo semanal de cada titoría e nas distintas horas de ler das mesmas. 

1 de dec. de 2022

Celebramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade con Silvia Penide

Co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que se celebra o 3 de decembro e dentro do Proxecto Anual de Centro, recibimos na nosa escola e na nosa BiblioGalán a visita da cantautora e escritora Silvia Penide, na que presentou ao alumnado de primeiro e segundo de Educación Primaria o seu marabilloso libro Diferentes diferenzas.

Por medio dunha combinación de conto e cancións fixemos un fermoso percorrido por esas características que fan diferente a cada unha e cada un de nós e as cales, sempre son oportunidades e posibilidades para todas e todos. 

Moitas grazas a Silvia Penide pola súa mensaxe e por compartir con todas e todos nós un momento tan especial.

4 de nov. de 2022

Os Bolechas e o dano cerebral adquirido

O 26 de outubro celebramos o Día Internacional do Dano Cerebral Adquirido, así que como actividade dentro do noso Proxecto Anual de Centro recibimos na nosa BiblioGalán unha visita moi especial. Dúas traballadoras da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) que nos trauxeron unha historia na que Mireia, dos Bolechas, nos falan desta discapacidade. 

As nenas e nenos de primeiro e segundo escoitaron o conto Os Bolechas. Mireia conta que é o dano cerebral adquirido e coñecimos as principais características desta doenza. 

Moitas grazas á FEGADACE por esta visita chea de aprendizaxe!


3 de dec. de 2021

Entender a discapacidade como oportunidade


O día 3 de decembro celébrase o Día Internacional de Persoas con Dispacidade, un día que en #BiblioGalán non quixemos deixar pasar desapercibido. 

En #BiblioGalán así como toda a nosa comunidade educativa, entendemos a discapacidade como diversidade, é a diversidade, como oportunidade. Oportunidade para aprender das nosas diferenzas, oportunidade para saber que sendo diferentes, somos máis fortes.


Isto é para a nosa #BiblioGalán un eixe vertebrador, xa que en todo momento, o noso fin principal é que sexa un espazo de todas e todos, para todas e todos, sen importar as nosas características físicas e mentais. Queremos unha biblioteca onde todas e todos contamos e na que podamos ter oportunidades de éxito por igual.
      
Para isto, dedicamos o día a facer lecturas con debate e reflexión. Contos como Diferentes Diferenzas de Emilio Urberuaga e Silvia Penide, O cazo de Lorenzo de Isabelle Carrier ou Elmer de David Mckee, foron os protagonistas deste día, xunto con outras actividades levadas a cabo nas distintas titorías da escola.